Open Vieiros

Vieiros

E o teu país normal como é?
Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
iniciativa turística

Un museo para a Batalla de Rande

Os trinta galeóns afundidos na enseada de San Simón atópanse en perfecto estado de conservación grazas ao lodo da ría de Vigo.

Redacción - 18:45 28/08/2008

A Cámara de Comercio de Vigo e a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) teñen interese en poñer en marcha un proxecto económico e empresarial de apoio ao turismo na cidade de Vigo.

O proxecto baséase na creación dun museo adicado á batalla vivida en 1702 na enseada de San Simón. Segundo o arqueólogo Javier Luaces, hai trinta pecios afundidos na costa viguesa “en perfecto estado de conservación” grazas ao lodo e máis as condicións da ría de Vigo. Luaces comandou as últimas expedicións na busca dos restos dos galeóns de Rande e sinala que a súa recuperación será lenta e precisará dunha grande inversión presupostaria.

O presidente da CEP, José Manuel Fernández Alvariño, afirmou que nin empresarios nin institucións “podemos permitirnos o luxo de contar cun patrimonio artístico e cultural tan importante sen aproveitalo”.

O proxecto botará a andar cando as dúas institucións promotoras elaboren un estudo que valorará a viabilidade do mesmo e que ha ser presentado en novembro ás institucións competentes (Universidade de Vigo, Consellaría de Cultura, Deputación de Pontevedra e Concello de Vigo). O documento recollerá toda a información existente sobre a batalla de Rande, a viabilidade económica, as posíbeis localizacións e os prazos de execución que, dependendo do presuposto, se moverían entre os 2 e os 4 anos.

O Museo Vasa de Estocolmo
Este proxecto de apoio ao sector turístico da cidade de Vigo podería recibir unhas 400 mil visitas ao ano tendo en conta o exemplo do Vasamuseet da capital sueca. Este centro que, segundo lembra Luaces “recibe un millón de vistas anuais nunha cidade tres veces máis grande ca Vigo que conta con 70 museos”, amosa unha única peza na súa exposición: os restos do Vassa, un galeón afundido no día da súa botadura nas augas do fiorde de Estocolmo. A exhibición do barco converteuse nun dos principais atractivos culturais de Escandinavia.


5/5 (3 votos)


Comentarios (2)

mercedes #1 31/Agosto/2008 mercedes
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

¿E non lle correspopndería esa función precisamente ao Museo do Mar que ten unha sección de arqueoloxía submariña e está en Vigo?

AdronoVeroti #2 31/Agosto/2008 AdronoVeroti
[Valora este comentario Positivo 0 Negativo]

E logo, a Cámara non pode definir un proxecto e concertalo para o desenvolvemento do mesmo no seo do Museo do mar? Non deberá haber antagonismo, senón complementariedade, xa que se temos un Museo do Mar, para qué necesitamos outros. Poñamos en marcha, aportando ideas e diñeiro -ese que dín que van por para o novo empeño- en potenciar o que xa existe, con xenerosidade no proxecto e rompendo ataduras localistas, como a da liorta da vasilla cerámica que viaxou dende Palestina. Precisamos museos, con persoal técnico e con proxectos, non pequenos illotes culturais.

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: