Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O Trasno

Olímpica resaca

Gran e palla nisto das olimpíadas. Xunto co grandísimo valor deportivo, o significado político e xeoestratéxico destas olimpiadas foi enorme.

Daniel López Muñoz - 20:17 29/08/2008

 
 Gran e palla nisto das olimpíadas. Xunto a ese innegable valor dun ser humano, portentoso e único, que chega a base de disciplina e esforzo a facelo aínda máis rápido, máis alto, máis forte, está toda esa farándula propagandística, magnificente, sospeitosamente deslumbradora.

 Algo antes do gran evento, un dos campións da olimpíada de inverno en patinaxe, de apelido Cheek, que ademais de medallista de ouro é activista solidario e, xa que logo, político (doou 40.000 dólares de ganancias deportivas aos refuxiados en Darfour-Sudán), declarou que pretendía ir a Beijing a mobilizar os atletas a favor das vítimas dos masacres de Darfour e a presionar para que China –que ten fortes lazos co goberno de Sudán- dese uns pequenos e significativos pasos para contribuír a rematar con aquela sangría. O 5 de agosto comunicáronlle que as autoridades chinesas revogaran a súa visa de entrada.

Seica os do Comité Olímpico Internacional queren facer das olimpíadas algo puro e aséptico, desinfectado de calquera connotación política. Pero estamos no de sempre: só se mira mal a política que defende os pobres. É como a matrácola dos nacionalismos, (do que as olimpíadas tamén darían moito que falar): son malos cando son pobres.

O significado político e xeoestratéxico destas olimpiadas foi enorme. Foi o gran anuncio formal, expreso, de que China é a gran potencia do século que andamos. Foi a gran advertencia á potencia que se tiña por única –os Estados Unidos- e o medalleiro, non é nada inocente. Curiosamente houbo para os norteamericanos outra tremenda labazada: a invasión rusa de Xeorxia, como dicindo, ata aquí chegamos. Menos mal que os ianquis non perderon a final de baloncesto, porque entón o Obama, coa súa relativa moderación belicista, podía ir aforrando a viaxe.

Ou sexa que a “gran política” foi a vencedora e todos e todas as participantes tan neutrais e caladiños, limitándose ao espectáculo, sen dar unha nota de color, algo que nos fixese lembrar as vítimas, algún detalle para os esquecidos nesa bebedela de éxito e felicidade, un aquel como o de Silvio Rodríguez, lembrades?, “Son un home feliz e quero que me perdoen por este día os mortos da miña felicidade”.

Brindemos logo por aqueles negrazos das olimpíadas de Munich, no máis alto do caixón, erguendo aquel puño, profecía e anuncio, compromiso dos triunfadores coas vítimas que os precederon e os ergueron.


3,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: