Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PARROCHEIRA'08 EN FERROL VELLO

Unha festa para mudar un barrio

The Homens, Samesugas e Royalties abren unha fin de semana de música na rehabilitada Praza Vella, núcleo do degradado barrio.

Marcos S. Pérez - 10:10 12/09/2008

Degradado barrio o de Ferrol Vello que intenta sobrevivir e dotarse de nova vida. A maior parte do mérito correspóndelles aos veciños, e á propia asociación de veciños do barrio, moi activa e combativa, e que nos últimos anos esforzouse por dotar de nova vida ao lugar, cunha morea de actividades culturais. Resistiron abertos bares marabillosos, como o Anca e o Coral, onde se poden atopar as deliciosas parrochiñas ou as linguas de bacallau. As comparacións coa Alfama lisboeta, co Soho londinense, co Raval barcelonés ou mesmo co Berbés de Vigo son esaxeradas e están fóra de contexto, pero malia ao abandono institucional, o envellecemento dos seus veciños e ao deterioro dos seus espazos, continúa a ser un dos barrios máis singulares da cidade, e nunca deixou de atraer a xente nova.

Novos habitantes que se mesturaron con toda naturalidade coa envellecida poboación desta zona de Ferrol. Con este espírito de mestura interxeracional desenvólvense as festas do barrio, as tradicionais festas da Parrocheira, que terán a música como gran protagonista. O venres prepárase un desembarco compostelán, do barrio do Castiñeiriño máis en concreto, que se irmana deste xeito co Ferrol Vello departamental. The Homens, Samesugas e Royalties, tres bandas nacidas da Casa Xurásica. O Parrockcheira comezará ás dez da noite, e terá lugar na Praza Vella, que estrea nova imaxe, produto dos traballos realizados nos últimos meses.

O sábado continuará a música, xa cun ambiente máis verbeneiro, cunha mexilloada a partir das oito da tarde. Os Zares interpretarán versións de Brincos e Bravos, e serán precedidos polos locais Sherpannk, nun concerto que pecharán Os Fabulosos Cubatas de Focking Brothers. O domingo, Día da Parrocheira, terá lugar a tradicional procesión marítima dende o peirao de Curuxeiras.

As festas converteranse nun escaparate para un barrio cheo de forza que busca saír adiante. E que busca ser coñecido polo mundo para deixar rexistro da situación de abandono de moitas das súas rúas e prazas, que foron pasando por sucesivos gobernos municipais e autonómicos sen que nin uns nin os outros fixesen gran cousa por recuperalos. Porque recuperar un barrio é moito máis que arranxar unha praza ou unhas cantas fachadas; significa dar novos usos aos lugares, facer que a vida flúa por onde antes o facía. O pasado mes de agosto o Concello de Ferrol apropbou un investimento de 655 mil euros no barrio, que servirán para dotar de mobiliario urbano e alumeado público ás rúas Mercé, Concha, Socorro e Mártires.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: