Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Xosé Anxo Docobo, presidente do Obradoiro

"O obxectivo é que o equipo pase a ter unha estrutura profesional"

O máximo dirixente do Óptica Val comenta en Vieiros a situación actual do club, que na tempada 2009-2010 -patrocinador mediante- volverá estar na ACB.

García Martínez - 18:00 22/09/2008
O Obradoiro nas súas épocas de maior apoxeo

O Obradoiro nas súas épocas de maior apoxeo

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid deulle a razón ao Obradoiro. Será a tempada 2009-2010 -tal e como quería o club- a do seu regreso á ACB, logo de máis de 17 anos reclamando o seu posto na Xustiza por un caso de aliñación indebida. As cousas mudaron moito e agora este equipo afeccionado ten o seu principal problema na obtención dun patrocinio que lle permita competir a alto nivel. A crise económica parece chegar tamén aos deportes de elite.

Vieiros: Están a traballar cun consorcio de empresas estranxeiras de cara á procura de patrocinio. Cal é a situación actual?

Xosé Anxo Docobo: O certo é que se trata de profesionais cualificados que están a facer o seu traballo e nós non queremos interceder nel. Eles infórmannos periodicamente, e polo que sabemos até agora non hai novidades.

A idea é dar prioridade a empresas galegas para o patrocinio?
Claro que a nosa prioridade é que o patrocinio o realice unha empresa santiaguesas ou galega, pero actualmente non é fácil. De todas formas non hai que descartar nada, xa que este consorcio está a traballar por todo o mundo e, evidentemente, Galiza está dentro del.

Actualmente o baloncesto é o segundo deporte máis seguido, tanto no país como no Estado. Con todos os respectos cara ao Lobelle, poderíamos estar a falar da volta do deporte compostelán á primeira liña de repercusión mediática?
Pois eu creo que si. Este ascenso tería unha grande importancia en Compostela e tamén a nivel de Galiza, onde hoxe en día non temos ningún club ACB e no fútbol está só o Deportivo. O baloncesto está a vivir un gran momento e o seu seguimento non para de medrar, grazas aos éxitos da selección española. Isto fai del un deporte atraente para os afeccionados e tamén para as empresas.

Falaron dun prazo límite para atopar patrocinador, situado no mes de xaneiro. Pénsase na venta da praza como unha opción de chegar á peor das situacións?
Hai que agardar a ver como van discorrendo as cousas, pero agora mesmo o único no que pensamos é no Obradoiro como equipo ACB na tempada 2009-2010, non queremos poñernos nos supostos negativos.

A obtención do patrocinio é a parte máis complicada deste proceso pero cales serían os seguintes pasos que debería levar a cabo o club?
O obxectivo é que o equipo pase a ter unha estrutura profesional, e para iso aparecerían dúas figuras determinantes, como a do secretario técnico e o xerente, que serán os encargados de dar forma ao novo equipo aos diferentes niveis.

Con respecto a estes dous postos xa se pensa nalgúns nomes?
O principal é que sexan persoas con experiencia en ACB. Está claro que a directiva xa ten algún nome en carteira, pero aínda é cedo para falar diso, hai que ir paso a paso.

A pesar de ser o futuro secretario técnico o encargado de estes aspectos a día de hoxe hai a idea de utilizar algún dos membros do actual equipo de cara ao ano próximo?
En principio non, son dúas cousas diferentes o equipo que temos agora e o que pretendemos ter o ano próximo.


3/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: