Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
ALEMÁNS EN GALIZA

A lingua e a billarda: cuestión de práctica

Estudantes de Alemaña visitan estes días Galiza para coñecer de perto a nosa cultura e enfrontarse á selección nacional de billarda.

Isabel G. Couso - 11:15 18/09/2008

Daniella leva un ano aprendendo galego; Denís un semestre. Son dous dos 16 estudantes alemáns que están a percorrer Galiza na procura dun maior contacto coa orixe do idioma que espertou o seu interese na Alemaña. Coa billarda tamén teñen habelenza, dende que o seleccionador alemán, o galego Aitor Rivas, os introducise na súa práctica, e precisamente, como subliña Denís, a billarda, como a lingua, é tamén cuestión de práctica.

Os camiños que os levaron a estudar galego son ben diferentes. No caso de Daniella foi unha decisión tomada á quentura do seu paso polo camiño de Santiago: a riqueza paisaxística, o arume do Atlántico, o xeneroso das nosas xentes e o saboroso xantar do polbo espertaron o seu interese pola nosa lingua, un idioma que aprende co único bagaxe do inglés e o alemán, sen coñecementos previos do portugués, castelán ou outras linguas romanas. Mentres, Denís chega ao galego da man do portugués, e está moi interesado na cultura e na historia galega: quere coñecer a súa lingüística, os traxes, a música e achegarse á súa natureza. Coma eles dous, a meirande parte dos que queren achegarse á nosa lingua fano atraidos pola súa riqueza, mentres que son minoría os que o fan por cuestións familiares, ao seren fillos ou netos de emigrantes, segundo sinala o lector Iago Raposo, quen exerce de mestre de galego en Trier (Alemaña).

No seu conxunto, perto de cen alumnos están a estudar galego naquel país, convertendo así a Alemaña nun dos países europeos onde funcionan máis centros de estudos galegos. Exactamente son cinco: Berlín, Heidelberg, Kiel, Trier e Tubinga.

Aprendices de billardeiros
O seu contacto coa billarda xorde doutro dos mestres de galego deste colectivo de alemáns. Aitor Rivas é leitor en Tubinga e ten xa unha contrastada experiencia neste deporte (non por menos é coñecido coma o Hiddink da Billarda) e que vén de aceptar o cargo de selecciónador alemán, co reto de converter a este equipo nun gran competidos para a Auténtica. O primeiro enfrontamento internacional disputarase este sábado en Ribadeo (na pista polideportiva do Gamallo Fierros ás 17:00 horas) e, malia que non queren ser fachendosos nin arrogantes, prometen plantar cara e poñerllo ben difícil aos do Zidane da Billarda.

Dende Vieiros quixemos coñecer a súa estratexia, e presenciamos un adestramento baixo a batuta de Rivas, non obstante non quixeron desvelar as súas cartas. Para ver o resultado do enfrontamento haberá, pois, que agardar até a vindeira fin de semana.


4.77/5 (22 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Equipo alemán da billarda
Equipo alemán da billarda
Adestramento da selección alemá
Adestramento da selección alemá
Cartaz do partido internacional
Cartaz do partido internacional