Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
INSTITUTO 'ROSALÍA DE CASTRO' DE COMPOSTELA

Créase o premio de ensaio 'Bento Spinoza' para reclamar a galeguidade do filósofo

Alumnos de secundaria elixirán o gañador do certame, que nace co mesmo formato que o 'San Clemente' de novela.

Redacción - 13:20 25/09/2008

Alumnos de cinco institutos galegos elixirán o mellor ensaio do ano no Premio Bento Spinoza. O obxectivo, segundo Ubaldo Rueda, director do Instituto Rosalía de Castro de Santiago, que organiza o premio, é "fomentar a reflexión e o espírito crítico entre as xeracións máis novas". O certame seguirá un esquema semellante ao San Clemente de literatura que tamén se falla cada ano no Rosalía de Castro, e que foi quen de conseguir que autores do nivel de Paul Auster, Antonio Tabucchi, José Saramago, Carlos Fuentes e Vargas Llosa se achegasen até o centro para recollelo. En marzo de 2009 o xaponés Haruki Murakami recollerá o premio que se lle outorgou o pasado ano por Kafka en la orilla.

O galardón vai ter como presidente do Comité Organizador ao investigador e ex reitor da Universidad de Santiago de Compostela, Carlos Pajares. Contra finais de ano o comité seleccionará un máximo de cinco ensaios publicados nese periodo temporal e os alumnos de catro institutos galegos e do Rosalía de Castro fallarán o premio a redor de maio ou xuño.

Era Spinoza galego?
O premio quere, ademais, reclamar a Spinoza como "un dos grandes" da cultura galega, en palabras de Ubaldo Rueda, que engadiu que "con este premio esperamos ver a Ética e outras obras de Spinoza traducidas ao galego e estudadas polos nosos alumnos". Bento Espinosa naceu en Ámsterdam en 1632, nunha familia de xudeos sefardíes emigrantes da península Ibérica, fuxindo da persecución en Portugal. Tivo como primeira lingua o galego-portugués e como segunda o castelán.

O traballo do xesuíta Fidel Fita estima que Miguel de Espinosa, pai do filósofo, naceu en Ourense, onde os Espinosa viñeron ocupando os postos máis importantes dende finais do século XIV, en que, "aumentando as persecucións, comezaron algúns xudeos a realizar a súa conversión, aínda que non coa sinceridade apetecida". O mesmo investigador localiza a casa dos Espinosa na rúa Nova, perto da Praza Maior.

Determinista, monista e base do ateísmo
Así mesmo, o Premio de Ensaio Bento Spinoza aspira a propiciar a "reflexión e o fomento do espírito crítico dos alumnos e, ao tiempo, reivindicar un personaxe inxustamente esquecidos na nosa cultura". Ubaldo Rueda destacou que Spinoza é "o pensador más extraordinario del siglo XVII", moi implicado nos debates da súa época e que foi expulsado dunha forma radical da comunidade xudea por cuestionar a ideoloxía desta comunidade e as bases do sistema político da Europa do momento. Spinoza declárase monista, é dicir, non cre na existencia dun dualismo corpo-alma como Descartes. Tamén é determinista: asegura que o home está determinado por leis universais que o condicionan mediante a lei da preservación da vida. Así, afirma que ser libre é rexirse pola razón fronte á submisión, por exemplo, á relixión.


4,55/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: