Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MAXIMINO ZUMALAVE, DIRECTOR ASOCIADO DA FILHARMONÍA DE GALICIA

"Se pensas a Cidade da Cultura para toda Galiza, o teatro da ópera si tería sentido"

O músico compostelán vén de dirixir 'O Arame' a primeira ópera galega que se estrea en oitenta anos, composta por Juan Durán e Manuel Lourenzo.

Marcos S. Pérez - 10:30 30/09/2008

A poeta Eva Veiga dedicoulle a Maximino Zumalave uns versos: "...Maximino, que coas súas mans do silencio/ arrinca/ a mais pura poesía, no espacio fuxidía/ no corazón eterna". 2008 foi un ano con moitas tarefas para o director compostelán: en setembro dirixiu a segunda ópera galega da historia, en xuño recibiu a medalla Castelao e acaba de comezar unha nova tempada de concertos coa Real Filharmonía.

A representación de O Arame foi un momento histórico para a música galega. Aquela noite na Coruña, Juan Durán, Manuel Lourenzo, Maximino Zumalave e un grupo moi amplo de músicos, bailaríns, cantantes e profesionais doutras artes combinaron o seu talento para ofreceren o primeiro espectáculo de ópera galego que se estreaba en case oitenta anos, despois de que o fixese O Mariscal en 1929, con música de Eduardo Rodríguez Losada e letra de Ramón Cabanillas.

Como foi esa noite?
Era unha noite moi emotiva. Para empezar Juan Durán, o compositor, é un músico co que teño moi boa relación, unha forte amizade. Digamos que á sensación de facer unha obra que está ben escrita, únese que é dun amigo. E era consciente de que era unha noite importante, porque non se estrean óperas con frecuencia, xa non en Galiza, senón en calquera lugar do Estado, pois tampouco é tan frecuente en Madrid ou Barcelona. Tivo repercusión nos medios, polo que ves que era algo reclamado, e ves tamén que moita xente quedou sen entrada, e outra que pregunta noutras cidades se se vai representar tamén alí. De todos os xeitos, eu preferiría que non fósemos noticia por isto, e que en cambio este tipo de estreas fosen máis habituais, que haxa un compromiso coa creación, e que na cultura de Galiza se lle dean espazo ás novas creacións, non só á recuperación do pasado. Hai que mirar cara a diante e cara á posible exportación destas actividades. Sabes que estás facendo algo que é infrecuente, e ademais decátaste de que en Galiza no mundo da cultura, se sumamos esforzos, podes facer algo importante. Cando xuntas o texto e a dirección de Manuel Lourenzo, con Juan Durán, cos músicos da Sinfónica de Galicia, de Ensemble Século XXI, dous cantantes como Carmen Durán e Javier Franco, que son galegos pero que viven fóra, e coa miña participación tamén, ves que sumando esforzos, e sen tantos medios, podemos sacar adiante proxectos moi interesantes.

Cres que ese traballo colectivo dáse con demasiada pouca frecuencia en Galiza?

Probablemente si. De feito a ópera é un espectáculo que require un traballo colectivo, é unha alegoría do que pode supor traballar xuntos para acadar estas obras. De feito eu vía como Manuel Lourenzo, que é un home de teatro, pero non da ópera, pouco a pouco estaba meténdose cada vez máis no que alí sucedía.

Como é a relación dos afeccionados á música en Galiza coa ópera? Non son moitas as ocasións nas que se ten a oportunidade de ver ópera aquí, principalmente por falta de espazos...
Si, hai representacións na Coruña, e en tempos houbo unha asociación de amigos da ópera en Vigo. Na Coruña actualmente vai moita xente. En Santiago hai anos fíxose algunha, e non hai moito abriuse a tempada da Real Filharmonía con As vodas de Fígaro. Eu o que vexo é que hai máis interese para a ópera, e máis resposta do público que para a música sinfónica. Ti agora, por exemplo, vas a un quiosco, e ves unha enorme cantidade de coleccións de ópera para a venda. Atrae e vende moito, seguramente porque pode combinar moitas tradicións, moitas propostas de escena, arriscadas moitas veces, inxustificadas e estúpidas outras, pero que pode incorporar moitos elementos visuais, sobre todo, que lle interesan moito á xente.

Como viviches a polémica que se xerou co proxecto de construción dun teatro da ópera na Cidade da Cultura, cualificado de innecesario?
Se o propós para Santiago, teño que darlles a razón. Pero eu son bastante utópico: eu penso o que pode ser Galiza dentro de dez, vinte ou trinta anos. Vexo que hai moita xente nova que colle o coche para ir a outra cidade cando hai un espectáculo que lle interesa, por exemplo un concerto de rock, ou un partido de fútbol, ou para ir compras. Para esa mentalidade da xente nova, para quen desprazarse non supón nada extraordinario, o teatro da ópera podería ser un referente, e non só para Galiza, senón para xente doutras comunidades autónomas. Eu teño varios amigos que non viven en Barcelona e son aboados do Liceo, e eu mesmo vou varias veces ao ano. Se pensas a Cidade da Cultura para toda Galiza, o teatro da ópera si tería sentido. Non vou entrar a discutir se Santiago era a mellor ubicación, pero a min non me importaría desprazarme á Coruña, o mesmo que moitos coruñeses non terían problema en vir a Santiago. Por iso eu querería que aquí se fixese un bo teatro, porque non hai espazos en Galiza para facer ópera en boas condicións técnicas, coa posibilidade de ter varios escenarios que se complementan. Outro tema é se Galiza ten medios abondo para construílo, se ten medios para mantelo despois, ou se é prioritario ou hai outras prioridades máis urxentes ca un teatro de ópera. Agora ben, eu preferiría apostar por cousas que non duplican outras existentes.

Ves nas críticas un apriorismo, un preconcepto da ópera como unha actividade elitista?
Teño que dicir que a ópera non é elitista. O outro día na Coruña comentábame unha persoa que 'antes, os que iamos á ópera coñeciámonos todos, agora vemos moita xente que non sabemos quen son'. A ópera xa non é unha forma de locemento social. Eu teño a experiencia de Alemaña, onde vivín varios anos; despois de Segunda Guerra Mundial, cando todas as cidades estaban destruídas, ao mesmo tempo que comezou a reconstrución das cidades, comezou a reconstrución dos teatros da ópera; para eles, despois da guerra, a vida non volvía ser normal se non había música. Despois hai experiencias moi interesantes; por exemplo en Milán, cando estaba de director da Scala Claudio Abbado, cun gran compromiso social e político, e cunha coñecida militancia comunista, foi quen de equilibrar as grandes festas de inauguración da Scala, onde asiste a aristocracia e as grandes estrelas, con abrir a Scala, con esa mesma produción, para os obreiros. A cultura debe integrar, non debe ser de ninguén.

Como se podería achegar a música á xente? Incidindo máis na educación musical no ensino obrigatorio?
Si, a educación é sempre a base de todo. Pero eu o que creo que hai que ser un pouco máis ambiciosos á hora de programar; programar é moi difícil; se a programación é moi conservadora anóxanse uns, se é moi arriscada anóxanse outros. Pero eu vou un pouco máis lonxe; agora que temos teatros e auditorios en todas as cidades de Galiza e en moitas vilas, sería tan difícil poñernos de acordo a Orquestra Sinfónica e a Filharmonía, para organizar un ciclo de concertos en todas estas localidades, ben organizado? Porque estas cidades e vilas tamén están pagando estas orquestras.

Acaba de comezar a nova tempada da Filharmonía. Que che parece o máis interesante do programa que ides ofrecer?
Máis que as obras concretas que imos tocar, que iso pode velo calquera persoa no programa, eu quero destacar que nos últimos anos mellorou moito o seu nivel e está soando moi ben e moi profesional. Unha cidade como Santiago, con trinta mil estudantes universitarios e dous mil profesores, tería que ter máis interese por todo o que se fai aí.

No que atinxe ao ensino profesional da música e á actividade laboral dos propios músicos, que falta por facer, chegouse á desexada profesionalización dos músicos?
Eu vexo sempre o futuro da música con esperanza, vexo que os músicos novos teñen cada vez mellor preparación. Sería moi importante conectar as saídas profesionais, as orquestras, coa formación que os músicos están tendo nos conservatorios, para que nuns anos atopen máis facilmente un posto de traballo nas orquestras profesionais. Se me permites unha comparación, todos vemos lóxico que a xente cando remata a carreira de medicina, comece a traballar nun hospital. Se agora se dixese que os estudantes de medicina non van ter traballo de médicos o escándalo sería maiúsculo, pero xa estamos afeitos a que non pasa nada se a xente remata os seus estudos musicais e non ten traballo de músico.

En xuño recibiches a medalla Castelao. Como recibiches a noticia, que sentiches?
Sentín unha pouca de vertixe, porque eu asociaba a medalla Castelao con xente moi maior, xente que xa fixera a súa contribución á sociedade. Cando me chamou o conselleiro de Presidencia para anunciarme que me ían conceder a medalla, díxenlle: 'agradézocho moito, pero de verdade que non teño présa, podo agardar'. Pero dáme unha gran satisfacción, xa non polo aspecto persoal, senón pola importancia que pode ter, e o recoñecemento, para un tipo de música que ás veces pode considerarse minoritaria ou de elites. Cal é a música galega? Ten sentido a creación da música feita por xente de Galiza, ou só imos considerar música galega a música folclórica? Por iso alegroume moito a medalla.


4.43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: