Open Vieiros

Vieiros

No lombo do Atlantico. Baixa o pdf con todos os relatos
Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
SERÁ SOTERRADO ÁS CINCO DA TARDE EN PONTEDEUME

Ramiro Fonte na voz dos seus amigos

Durante toda a mañá deste luns pasaron pola capela instalada na Casa do Concello ducias de amigos, escritores, representantes institucionais e veciños do poeta eumés.

Marcos S. Pérez - 12:33 13/10/2008

O enterro no cemiterio parroquial está previsto para as cinco da tarde e a continuación celebrarase un funeral. Antes, todas as persoas que o desexen poderán despedir a Ramiro Fonte na capela que se instalará na Casa do Concello. Xa o domingo pola tarde quedara instalada no tanatorio de Campolongo a capela ardente cos restos mortais do poeta. Por alí pasaron o alcalde de Pontedeume, Gabriel Torrente e numerosos amigos.

O luns pola tarde, durante o traslado do cadáver e o seu enterro interpretaranse varios temas, seguindo o expreso desexo de Fonte. Cantarase, por exemplo, "Negra sombra" e "Nas beiras do Eume" e interpretarase o "Canto dos paxaros" de Pau Casals e o "Paso", unha melodía propia da Semana Santa eumesa. Intervirá Tito Ríos (fotógrafo e cantor local) e un membro do Toxos, entidade que quere render homenaxe ó escritor cun alalá.

Están a piques de saír do prelo dous novos poemarios de Ramiro Fonte: O xardín do pasatempo (editorial Tambre) e Reversos (Edicións Xerais), ambos os dous estarán nas librarías a finais de outubro. En Reversos o autor inclúe algún poema escrito xusto despois de coñecer a súa enfermidade, como Cabo Prior, "Peto na porta do faro/ Neste solsticio de inverno/ Só un friorento paxaro/ Parece exercer goberno".

"Home afábel, tenro e cun grande oficio de vivir"
A morte de Ramiro Fonte deixou unha pegada moi forte entre os seus amigos, entre todos aqueles que o coñeceron. Xosé María Álvarez Cáccamo láiase da súa "desaparición inxusta, prematura. É a perda dun amigo co que teño pasado moi bos momentos, moi divertidos, grandes instantes de felicidade. Iso é o que quero lembrar hoxe e iso é o que sinto: unha inmensa nostalxia, que non hai forma de explicar de forma racional".

Para Manuel Bragado, "abandonounos un amigo de amizade leal e un dos grandes, grandes, escritores galegos universais de todos os tempos". Para Bragado, Ramiro Fonte déixanos "unha obra literaria monumental, que o tempo valorará como se merece, da que Ramiro se sentía orgulloso dende a súa condición de humilde e honrado escritor e lector de versos para pensar que non estamos sós". Pola súa banda, Fran Alonso conclúe que "a literatura galega se queda sen a voz poética dos 80 máis recoñecida fóra das nosas fronteiras".

Mentres, para Miguel-Anxo Fernán Vello, Fonte é un "letraferido", unha persoa cunha gran paixón pola palabra, un home "afábel, tenro e cun grande oficio de vivir". Precisamente Fernán Vello lembra nun artigo publicado este luns en Galicia Hoxe, a 'Ramiro', como o coñecían os seus amigos: "entre nós, amigos e compañeiros da Xeración dos 80, sempre dixemos e diremos Ramiro. Abonda co seu nome. O nome nu do poeta contén e proxecta a súa figura, e mesmo chega a representar dun xeito máxico e esencial, diriamos, a súa obra". Tamén en Galicia Hoxe, Xosé Antón Perozo escribe que "teremos acougo para renderlle homenaxe, multiplicar e recomendar as edicións dos seus libros, porén, o que non poderemos medir é o sentimento de orfandade que deixa no pequeno recuncho da amizade franca". Finalmente, a Asociación de Escritores en Lingua Galega anunciou a súa intención de promover unha homenaxe nacional ao escritor, coa intención de "recoñecer publicamente os seus incalculábeis valores humano e artístico".

Fonte é protagonista nos medios de comunicación. Por exemplo, El País (Suso de Toro), ABC (García Posada) e La Vanguardia (Anxo Lugilde) dedicáronlle obituarios este domingo. García Posada destacaba o o carácter "leal á memoria do seu pobo e da súa xente", e Suso de Toro escribe "como escritor non se sentía só, sabíase entre os poetas que admiraba, vivos ou mortos, sempre se soubo poeta porque non sabía querer outra cosa. Ninguén lle teña pena, era orgulloso".

O poeta da vida, o realista da xeración dos oitenta
Ramiro Fonte foi un dos nomes máis coñecidos do colectivo Cravo Fondo, e un dos máis destacados representantes da Xeración dos 80, xunto a Román Raña, Xosé María Álvarez Cáccamo, Rafael Baixeras e Manuel Forcadela. A poesía realista de Adeus Norte, co que obtivo o Premio Esquío, chegou xusto no momento no que comezaban a se esgotar as fórmulas caraterísticas do grupo: o culturalismo que pretendera romper co realismo social imperante. Román Raña, tamén integrante desa xeración salienta que Fonte "foi dos primeiros en romper a corrente culturalista e tendeu cara a unha poesía da experiencia que, mesmo, creo, trascendeu a etiqueta da poesía da experiencia".

A este respecto, para Álvarez Cáccamo, Fonte é "un poeta transparente, que fala da memoria, da vida, cunha carga literaria moi ben asumida, moi natural, que vivía apaixonadamente o seu papel de lector". Para Fernán Vello, Fonte é un dos grandes escritores da segunda metade do século XX, "que vai adquirir co tempo unha dimensión moito máis importante, non só en Galiza, senón en todas as literaturas peninsulares". Fernán Vello destaca que deixa unha obra literaria inmensa, profundamente poética, pois a poesía foi o seu centro motor e a súa base profunda de alimentación; destaca, por exemplo, que mesmo a súa triloxía novelística de Vidas de infancia ten unha enorme carga poética.

Para Ignacio Chao, Fonte é unha das grandes voces da literatura galega do último medio século: "foi romántico, moderno e popular; brillante nos tres rexistros poéticos". Chao é de Pontedeume, a vila na que Fonte pasou a súa infancia e onde será soterrado, e á que lle dedicou a triloxía Vidas de Infancia (Os meus ollos, 2003; Os ollos da ponte, 2004; A ponte nos ollos, 2007), que en opinión de Bragado "pasarán á historia de ouro da prosa en galego".

"E segues escribindo? Que remedio!"
Para encabezar Mínima Moralidade (1998) Ramiro Fonte escolleu un poema de Adorno, a través do que afirmou a súa condición de poeta: "¿E segues escribindo?", pregúntame de cando en vez un coñecido que hai anos que non vexo, pois suponse que o de escribir poemas, igual cá xuventude subversiva e os amores difíciles, é unha enfermidade transitoria, que se cura co tempo (...) E digo: "¡Que remedio!". Como conclúe Fernán Vello o seu artigo no Galicia Hoxe, Ramiro Fonte está "entre nós, respirando na súa propia poesía escrita, na verdade e na beleza dos seus poemas. Porque a poesía é tamén unha posibilidade de salvación. E Ramiro está salvado para sempre".


4,53/5 (19 votos)

Comentarios (7)

Chardella #1 13/Outubro/2008 Chardella
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Foi profesor meu en 1º de BUP. Despois de moitos anos acolleume na súa casa coma un amigo. Colaborei moi modestamente con algunhas cousas que el dirixía. Conmigo sempre foi moi afábel e humilde. Dábame a ler poemas seus dos que se sentía moi orgulloso. Agora que o penso, foi un verdadeiro privilexio telo coñecido e que me honrase coa súa compañía. Con esa idade non lle deu tempo a deixarnos a súa obra máis madura.

xardon #2 15/Outubro/2008 xardon
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Non quero ser irrespetuoso, apenas pór unha nota crítica na súa figura. Ben seguro que literariamente ao Ramiro Fonte aínda lle restaba por dar moitos e moi bos froitos (para alén de gustos literarios) e eu non o coñecín persoalmente e non poño en dúbida que fose boa persoa, como persoa.
Mais (sen ofender) va que non che deu a ler a proposta de letra para o himno español que escribira por encomenda do seu bo amigo (e seica poeta afeccionado, que trema cervantes) José María Aznar?
Vaia o meu pésame, xa que logo, pola perda literaria, vaia, pero todos temos que morrer... ou?

Xabi1 #3 15/Outubro/2008 Xabi1
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Xardon, disculpa, non entendo o que dis.
Podes aclararmo?

AntiCensura #4 16/Outubro/2008 AntiCensura
[Valora este comentario Positivo +2 Negativo]

Se o seu comentário é apagado em Vieiros ou o seu acesso é cortado envie um email para:

anticensuragaliza@gmail.com

Por favor no seu email envie-nos o texto censurado.

Xabi1 #5 16/Outubro/2008 Xabi1
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Xardón, por favor, podes aclarar un pouco o teu comentario?

xardon #6 16/Outubro/2008 xardon
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

Ao que me refería era a un episodio na vida de Ramiro Fonte que me puxo a pel de pita cando o coñecín (repito que é unha crítica ideolóxica, non literaria). Ao caso, que Ramiro Fonte estivo entre os escollidos por José María Aznar de entre o elenco de representantes de la variedad regional española (sic) como representante da región gallega para, entre todos, elaboraren a posible letra dun novo himno español. E síntoo moito, pero son incapaz de borrar da miña imaxe a Sánchez Mazas, Foxá, Ridruejo e Primo de Rivera escribindo a coro o Triunfa España...
Por certo, aí vos deixo a proposta final que (isto foi durante a etapa Aznar) lle remitiron ao presi, "con la melancólica certeza de la inutilidad de nuestro esfuerzo", en palabras de Jon Juaristi, que acudira polas Vascongadas.

HIMNO NACIONAL
Canta, España,
Y al viento de los pueblos lanza tu cantar:
Hora es de recordar
Que alas de lino
Te abrieron camino
De un confín al otro del inmenso mar.
Patria mía
Que guardas la alegría de la antigua edad:
Florezca en tu heredad,
Al sol de Europa
Alzada la copa,
El árbol sagrado de la Libertad.

xardon #7 16/Outubro/2008 xardon
[Valora este comentario Positivo +1 Negativo]

E non pretendo que ninguén se alporice por isto. Só que me dá un pouco de noxo o asunto, sobre todo porque parece mentira que se lle poida facer unha letra tan xeitosiña (tendo en conta que é un himno e que ademais e de ESPAÑA COÑO!) á merda de música marcial dos rojigualdos.
Enriba España! (e por baixo nós...)

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:





Locais:
GZ-Sete