Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
100 anos do nacemento de Benigno Andrade

"Ímola separar dos seus fillos. Vai acabar todo mal"

Cando executaron 'O Foucellas', á súa filla e ao seu fillo xa lles roubaran moito antes a infancia. Con só seis e nove anos perderon a nai, morta de saudade no desterro de Valladolid. Falamos con ela, a Pepiña. Vexa o vídeo no interior.

Fernando Arrizado / Vídeo e fotografía: Isabel G. Couso - 13:30 25/10/2008
A María, muller do 'Foucellas' e nai da Pepiña e do Serxio / Foto: CRMH da Coruña

A María, muller do 'Foucellas' e nai da Pepiña e do Serxio / Foto: CRMH da Coruña

Non por imprevista, foi inesperada. A detención do Foucellas o 9 de marzo de 1952 colleu a súa filla a Pepiña, de 16 anos, traballando no Café Moderno de Curtis. Aínda que ao principio a xente tratou de ocultarllo, hai sucesos de tal alcance -histórico, ao cabo- que non tardan máis ca unhas horas en chegaren aos ouvidos de todo un pobo. Finalmente colleran o máis famoso dos guerrilleiros do país, un dos últimos militares leais ao goberno democrático de 1936 que aínda non caeran nas gadoupas do réxime golpista.

A dor de velo no cárcere de Betanzos coa perna escangallada polas balas, de suplicar xustiza na Coruña para un pai que xa sen xuízo estaba condenado á morte, esa dor foi grande; mais nin nova nin maior cá padecida dende o mesmo momento en que Benigno Andrade García se botara ao monte 16 anos atrás, con visitas da Garda Civil á súa casa natal en Curtis, noite si, noite tamén. "Ímola separar dos seus fillos. Vai acabar todo mal", agoirábanlle á nai, María Pérez Mellid, que permaneceu sempre fiel ao seu marido.

Non é Serxio, o segundo dos fillos do Foucellas, tres anos máis novo cá súa irmá, quen nolo conta. Hai cousas que nin sesenta anos despois un gusta de recordar e moito menos, de falar. É a propia Pepiña, que 32 anos despois de marchar volve á Galiza para conmemorar o centenario do nacemento do seu pai. E rememorar, tamén, o sufrimento de dous cativos condenados en vida polas ideas da María e do Benigno.

Pepiña, Serxio e as súas parellas sentimentais, acompañados por membros da Comisión pola Memoria Histórica, atenderon aos medios de comunicación este venres no Campo da Rata, na Coruña. Con eles estaba Francisco Martínez, O Quico do Bierzo, un outro fuxido que conseguiu sobrevivir á represión e que agora loita porque o goberno español recoñeza a guerrilleiros coma el, soldados da República durante o franquismo, o dereito a cobrar a súa lexítima pensión.

"O trauma non se esquece co tempo, vai a máis", confesa unha Pepiña á que os fascistas non só lle arrebataron os pais, senón tamén parte esencial da súa identidade, a lingua nai. Nin vai á misa os domingos nin é practicante. No entanto, as súas crenzas relixiosas -que non oculta- permítenlle aos seus 72 anos falar por riba de trincheiras: "Hai xente de dereitas boa, e xente de esquerdas mala; o que importa é a persoa. Ao meu pai axudoulle moita xente do Exército e da Garda Civil que non estaba de acordo co réxime".

Non esquece Pepiña, porén, os "burros instruídos" como di que lles chaman na Francia onde botou 12 anos da súa vida "aos que estudaron e non ven máis alá das súas orellas". "Enganaron moito a xente", ese pobo que creu e que dixo o que anos de escuridade e medo lle obrigaron a dicir e a crer, ben por medo ben por ignorancia.

Á nai de Serxio e Pepiña collérona con propaganda de camiño a Lugo. Detivérona e xulgárona polas leis arxentinas, xa que alá naceu e conservaba a dobre nacionalidade. Serviulle para salvar a vida, mais non para pasar 10 meses na cadea e que ao saír as autoridades franquistas a desterrasen a Valoria la Buena, na provincia española de Valladolid. Separada dos seus fillos, lonxe da súa terra, a María caeu enferma, "coa pena", asegura Amelia, a muller do Serxio.

Pepiña, logo de atender durante varias horas con paciencia a medios locais, nacionais, e a algún outro estatal preocupado porque na súa reportaxe todo o mundo fale español, sentencia cunha frase que non por vella perde vixencia: "O pobo que non lembra ou agocha o seu pasado volve cometer sempre os mesmos erros". Cómpre repetilo deica o infinito.


4.93/5 (29 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: