Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Como afecta a crise ao sector do téxtil (III)

As agullas xa non cosen no país

Os empresarios piden axudas da administración para regular o emprego no país, ao tempo que foxen cara o estranxeiro para externacionalizar o traballo, sen pensar nas vantaxes dun clúster que leva dous anos paralizado.

Antía Rodríguez - 09:30 08/11/2008
Logo de Atexga

Logo de Atexga

"No téxtil está a acontecer o que noutros sectores", conta a xerente de Atexga (Asociación Téxtil de Galicia, que agrupa as marcas Kina Fernández, Pili Carrera, Roberto Verino, Toypes, Adolfo Domínguez, Selmark, Florentino, Caramelo, Montoto, Antonio Pernas, Jealfer, SK e Mafecco), Eva Ben: "nós tamén fabricamos bens de consumo, que son os que se están a ver afectados no mercado interno: a xente ten a percepción de que nestes momentos é preciso aforrar, facer compras comedidas, e isto fai que se reduzan as vendas de prendas para a vindeira tempada", sinala.

As empresas asociadas a Atexga están a notar, sobre todo, os problemas de financiamento: "os bancos limitan máis o acceso aos créditos que antes", destaca Ben, "o que significa un importante freo á actividade empresarial". Ademais, o encarecemento dos alugueres está a facer que moitas marcas abandonen a súa privilexiada situación, nos centros das cidades, e que busquen novos lugares para abrir as súas tendas. "Son medidas lóxicas", conta Ben, "xa que o normal é buscar no punto de venda a máxima rendibilidade de xeito continuo, reducindo custos".

"Se a cota de mercado non medra, haberá que crecer noutros mercados"
O principal problema ao que se enfrontan na actualidade as empresas do téxtil do noso país é a falta de consumo no mercado estatal, o que lles fai pensar en ollar cara novos mercados onde antes non estaban representadas, como por exemplo América Latina, Rusia ou o Extremo Oriente. Porén, a xerente de Atexga ve nesta necesidade de procurar saída ao produto no estranxeiro, "unha parte positiva", porque os novos posíbeis mercados "teñen interese para as nosas empresas".

A xustificación da deslocalización: reducir custes
"Neste contexto, a alternativa que nos queda é conter gastos; é un sector pequeno para argallar estratexias a longo prazo", destaca a xerente de Atexga, quen xustifica tamén neste feito a externalización do traballo, aínda que sinalando que "sempre foi un proceso característico deste sector, no que existe, dende o comezo, unha rede de talleres satélites e unha empresa matriz".

"A deslocalización chegou cando o traballo colleu un carácter máis internacional, arredor do ano 2002, coa liberación de aranceis e a entrada da China no mercado", sinalou Eva Ben, describindo un bocado a situación: "no sector téxtil, no seo das economías desenvolvidas, finalizouse o ano 2005 traballando nun marco total de liberación. Na actualidade tampouco existe un límite total para importar produtos téxtiles, e foi diminuíndo de tal xeito o custo medio da produción (este é un mercado de non inflación, onde os prezos medran por baixo da media), que o contorno que se foi creando debía ser aproveitado".

Coa externalización do traballo diminúe o emprego no noso país
Se as prendas comezan a fabricarse fóra, a carga de traballo nas factorías situadas en Galiza redúcese considerabelmente. Tamén diminúe se o produto non se vende. E, se se reduce o traballo, tamén se reduce a man de obra. Dende o empresariado seguen a demandar axuda das administracións para regular o emprego no país. "Hai un programa de solicitude de ERE (Expedientes de Regulación de Emprego) que serve para xustar os cadros de traballadores en función das distintas épocas de demanda, que se reducen a tres meses ao ano. Medidas coma estas son favorábeis para facilitarlles ás empresas a saída a esa descompensación da carga produtiva". Outra das demandas do sector refírense ao ámbito financeiro, segundo describe Eva Ben, "son precisos avais, créditos brandos, axudas... porque a crise tócanos a todos".


3.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Detalle da publicidade de Florentino
Detalle da publicidade de Florentino
Detalle da web de SK Selnova, empresa membro de Axtega
Detalle da web de SK Selnova, empresa membro de Axtega
Deseños de Pili Carrera
Deseños de Pili Carrera
Detalle da web de Toypes, outra das grandes marcas que fai parte de Atexga
Detalle da web de Toypes, outra das grandes marcas que fai parte de Atexga