Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'ORELLAPENDELLA.ORG'

"Este olliño pimpilín, este olliño pimpilán..."

O proxecto recolle e difunde na rede cancións infantís, trabalinguas e xogos orais tradicionais.

M.S.P. - 10:00 12/11/2008

Algo está rompendo. Pérdense ditos, refráns, cancións, trabalinguas e xogos que se conservaron e transformaron de xeración en xeración, transmitíndose de pais a fillos, de avós a netos. Esquécense. Vén de nacer Orella Pendella, unha web que procura recoller e difundir a través da rede este tesouro lingüístico e sociolóxico, para que non se perda, para que se ensine e para que se utilice.

Carlos Yus Respaldiza (responsábel de contidos da web) é mestre na Escola de Idiomas de Pontevedra. Hai un tempo comezou a matinar nos escasos materiais existentes en galego contendo este tipo de xogos, e na dificultade de acceder a eles. Pensou en facer un libro-cd, pero atopou a Kiko Fernández Mujico (responsábel técnico) e decidiron levar o seu proxecto á web. Carlos traballou fundamentalmente coas obras de Maruxa Barrio e Enrique Harguindey, e coas achegas de Mini e Mero. O obxectivo é poñer a disposición de pais e mestres estes materiais, acompañados de clips de audio, e nun futuro de vídeos e partituras, reivindicando os xogos tradicionais e en galego.

A web recolle 'Mecos no colo' como Este olliño pimpilín/ Este olliño pimpilán/ Este nariz narizán/ Esta boca pide pan/ Este queixo non llo dá/ ¡Arríncate, cabalán! Xogos de botar as sortes: Pinto, pinto/ gagarabinto/ teño unha vaca/ de vinte e cinco... Ou trabalinguas como Cinco figafarzos novos/ afigafarzaron a figafarza vella/ veu o figafarzo vello/ e afigafarzou os cinco figafarzos novos/ e mais a figafarza vella. Ou cancións varias como O piollo e a pulga querían casar. (Bis)/ Non tiñan panciño para "escomenzar". (Bis)/ Saíu a formiga do seu formigueiro: (Bis)/ "Mandaime" recado que eu son panadeiro. (Bis)

Os responsábeis da Orella Pendella piden a colaboración de todos para completar as distintas seccións da páxina, para as que xa están recibindo achegas diversas.


4,71/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: