Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CON 'A PERIPECIA DE ROI'

Carlos López gaña o 'Raíña Lupa' de literatura infantil e xuvenil

O guionista de Pinto&Chinto xa obtivo en 2007 o premio Merlín con 'Minimaladas'.

Redacción - 16:50 28/10/2008

A obra A peripecia de Roi, do guionista do dúo de humor gráfico Pinto & Chinto, Carlos López Gómez, foi seleccionada como gañadora da VII edición do premio de Literatura Infantil e Xuvenil 'Raíña Lupa', convocado pola Deputación da Coruña, e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora.

Caridad González, responsábel da área de Cultura da Deputación, destacou a ampla participación nesta edición do certame, ao que se presentaron un total de 31 orixinais. O xurado estivo conformado por Xavier Docampo, Yolanda Castaño, o director da Biblioteca 'Nova 33' da Fundación Caixa Galicia, Pedro Lucas; o escritor e tradutor Ignacio Chao; o profesor e crítico literario Ramón Nicolás e o gañador da última edición do 'Raíña Lupa', o escritor ferrolán Antonio Yáñez.

A poeta Yolanda Castaño definiu A peripecia de Roi como "unha aventura chea de fantasía, inzada de humor próximo ao absurdo e ao surrealismo, que vai conectar cos gustos dos máis cativos" e gabou a traxectoria do autor "que está dando pasos moi afianzados na súa carreira". Caridad González subliñou tamén o "bo momento" que está a atravesar a literatura infantil e xuvenil galega, e felicitou ao escritor Agustín Fernández Paz, gañador da primeira edición do 'Raíña Lupa', pola súa recente obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, un galardón que tamén obtivera Xavier Docampo no ano 1995.

Carlos López Gómez é guionista do dúo de humor gráfico Pinto & Chinto. En 1993 asociouse con David Pintor para formar este dúo que ten publicado as súas viñetas diarias en numerosos xornais. O dúo publicou varios libros para nenos: Suca (Everest, 2001), Aquilino pinta unha nube e un camaleón (Combel, 2002), Historia de Román, o bombeiro (Everest 2005), ou O pequeno da familia fantasma (Sotelo Blanco, 2005), premio Frei Martín Sarmiento 2007. Carlos López obtivo tamén o premio Merlín 2007 pola súa obra Minimaladas, 84 minihistorias protagonizadas por animais que destacan pola súa orixinalidade e humor.


4.5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: