Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A SELECCIÓN PALESTINA, EN 'TIRO LIBRE'

Onde mesmo o fútbol é prohibido

O chileno Marcelo Piña analiza a situación de Palestina a través do deporte, nun documental exhibido na edición 2008 de Amal.

Marcos S. Pérez - 13:10 01/11/2008

Ou xogamos todos, ou pinchamos a pelota. Analizar o sufrimento do pobo palestino a través do fútbol pode parecer frívolo, pero o deporte funciona como analoxía: se mesmo para xogar un partido de fútbol hai que superar tantos obstáculos, calquera outra situación do cotiá debe ser un inferno. "A través desta cousa tan superflua podemos achegarnos a estas persoas e tratar de entender o contexto máis global", di Marcelo Piña, "porque se ben este documental relata as vivencias de cinco xogadores, iso serve tamén, en termos futbolísticos, como un pase de gol para uns académicos que pode contextualizar a historia destes personaxes: que significa a creación do estado de Israel, de onde ven este pensamento...".

"Se es de Gaza, non podes viaxar a Cisxordania, e mesmo entre vilas cisxordanas non hai liberdade de movemento. E por iso algo tan simple e banal como organizar un partido de fútbol ten esa connotación", comenta Piña. Dificultades como esta son as que teñen que superar a diario os xogadores palestinos de fútbol, mesmo (ou sobre todo) os da súa selección nacional. Casualmente esta semana, na que Tiro Libre se exhibiu na sección documental de Amal, a selección xogou por vez primeira un partido en territorio palestino.

Catro anos de traballo
Foron catro anos de traballo: dous de rodaxe e dous de postprodución e montaxe, un tempo no que Marcelo Piña seguiu ao combinado palestino por todo o mundo, sendo testemuña dos seus esforzos por se clasificar para o Mundial 2006. Nese traballo, Piña mesmo tivo a oportunidade de entrevista a Yaser Arafat. "Foi unha entrevista bastante informal", di Piña, "consistiu en presentarnos, contarlle por que estabamos en Palestina, o que estabamos facendo. E foi tamén unha oportunidade para os xogadores de coñecelo, de comunicarlle os seus problemas. Chamoume atención o seu poder escénico, como enchía o espazo, a pesar de ser moi baixo".

Hai unha certa contradición, para nada inconsciente, entre o título do filme e a situación de falta de liberdade do pobo palestino, pero o seu director apunta así mesmo unha segunda lectura: "o 'tiro libre' parte dunha falta do contrario. Se Palestina fose un xogador e Israel outro, eu véxoo como se Israel fixese unha falta de cartón vermello. E quizais esta película, dun xeito moi humilde, é unha oportunidade para que Palestina dispare a porta".

Obstáculos na distribución

Unha película na que o fútbol é protagonista debería ser unha boa oportunidade para que acadase unha difusión superior á doutros filmes sobre Palestina, centrados de xeito directo na política. Pero así e todo non é doado, di Marcelo Piña, que denuncia que "tivemos moitos problemas que pararon a distribución" e explica que "as empresas non se queren meter en temas quentes que poidan afectar ao seu negocio. Está lonxe de ser un panfleto, é un traballo obxectivo: eu non son palestino e non teño nada en contra dos xudeus, pero hai que chamar as cousas polo seu nome".


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marcelo Piña
Marcelo Piña
Palestina, de branco, e Xordania, de vermello, antes do partido deste domingo
Palestina, de branco, e Xordania, de vermello, antes do partido deste domingo