Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Beirasar Rosalía 62 – 79 Lucentum Alicante

O Rosalía cae ante o líder e acentúa a súa mala xeira

A sexta derrota en sete partidos sitúa o cadro santiagués no penúltimo posto da táboa.

Óscar de la Fuente - 10:00 01/11/2008

O Beirasar Rosalía recibía este venres ao Alicante coa necesidade de sumar a súa segunda vitoria para saír do pozo da Liga LEB-Ouro, pero sabendo as dificultades que imporía un rival que aínda non perdera esta tempada. E o comezo do choque non fixo máis que confirmar a maior solidez dos visitantes, fronte a un cadro santiagués ao que lle custa moito meterse nos partidos. As canastras de Kyle Hill permitían ao Alicante obter as primeiras diferenzas no marcador, cun Rosalía que daba facilidades en defensa e se atascaba continuamente en ataque. Unicamente Nana e Ramsdell conseguían romper a organizada defensa dos levantinos, que se limitaban a administrar a renda obtida nos primeiros minutos. Así, chegouse ao descanso cun parcial de 34-43 para o Lucentum.

Na segunda parte os xogadores do Rosalía cambiaron de cara, conducidos por Xavi López e Pat Carroll. O escolta estadounidense comezou a ver o aro con facilidade e o marcador foi recortándose, pero o Alicante apoiouse na súa maior forza como bloque e experiencia para volver a despegarse no electrónico, chegando a mandar por vinte puntos. O maior repertorio do cadro visitante, no que calquera xogador era capaz de anotar, superaba unha defensa santiaguesa que permitía constantemente segundas oportunidades ao rival. Pouco a pouco, o Beirasar foi baixando os brazos mentres vía avanzar os minutos sen recortar as diferenzas, co que confirmaba a súa sexta derrota nos sete partidos de competición, situándose no penúltimo posto da clasificación.

Por parte dos locais os máis destacados foron Pat Carroll, con trece puntos, e Charles Ramsdell, autor de catorce tantos e sete rebotes. O mellor do Alicante foi o ala-pívot Jorge García, que anotou dezaoito puntos (incluídos catro triples).

O seguinte compromiso do Beirasar Rosalía será o próximo venres. Os santiagueses visitarán ao Melilla, que marcha segundo na clasificación e se postula como un dos máximos candidatos ao ascenso.

Beirasar Rosalía (62): Ona Embo (0 puntos), Carroll (13), Dedas (5), Ramsdell (14), Nana (10) –quinteto inicial- Montañana (4), Vallmajó (3), López (8), Cebular (2), Fontet (1), Legasa (0), Posse (2).

Lucentum Alicante (79)
: Llompart (4 puntos), Hill (15), Cazorla (8), García (18), Andriuskevicius (8) –quinteto inicial- Hernández (3), Rejón (7), Urtasun (3), Weigand (4), Coppenrath (9).


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: