Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ROI CASAL, MÚSICO

"Milladoiro é un barco que navega só, se quero coller outro rumbo teño que facelo eu"

O seu debut en solitario, 'Lendas Douradas', estará nas tendas o 24 novembro. O músico visitou a redacción de Vieiros, pouco antes dun exitoso concerto de presentación en Compostela.

Redacción - 11:00 15/11/2008

"Quero dedicarlles esta peza a dous símbolos que para unha persoa da miña idade son un referente á hora de entender Galiza: Milladoiro e Xosé Manuel Beiras". Ambos os dous aludidos, os compoñentes do grupo máis senlleiro do noso país e mais o histórico dirixente nacionalista, foron algúns dos afortunados -entre os que tamén había outros persoeiros da cultura e da política, ademais dos cinco gañadores das entradas ofrecidas por este xornal- que asistiron ao concerto de presentación do debut en solitario de Roi Casal.

A calidade das composicións e a perfecta interpretación e posta en escea dos temas auguranlle a este traballo ser só o primeiro dunha longa lista de éxitos, doutras moitas máis Lendas Douradas.

Vieiros: Cando che nace a idea de facer un disco en solitario?

Roi Casal: A idea de facer un disco en solitario xurdiu con quince anos, pero entre que aos 19 ingresei en Milladoiro, despois estudei arpa clásica en Madrid, a carreira de Farmacia..., agora estou máis liberado. Había temas que xa non podían agardar máis; levaban tanto tempo no forno que xa se ían pasar.

Creo que fuches moi perfeccionista no proceso de gravación do disco...
O proceso de gravación en Casa de Tolos foi longo e fíxeno en dúas fases. E como eu non teño présa, tomei o tempo necesario. Dos doce temas, dez xa estaban gravados en febreiro; eses temas, unha vez gravados, utiliceinos para negociar con quen quería sacar o disco. Había varías compañías interesadas e a oferta que máis me interesou foi a de Pai Música. E o disco atrasouse un chisco porque en agosto empeñeime en gravar dous temas máis. Foi daquela cando descubrín que Segundo podía achegar moito á produción, aínda que eu mantivese o control sobre o produto; por exemplo, en Noite de San Xoán, nótase unha produción inmensa.

A arpa é o instrumento co que te atopas máis cómodo?
Si, é o instrumento co que levo traballando toda a vida, primeiro na casa, despois recibín clases en Vigo do gran Rodrigo Romaní na Escola de Música Tradicional, e despois dei clase de arpa clásica en Madrid. Aínda que este non é un disco de arpa, a arpa é un instrumento, como xa di o seu nome, para eu facer música.

A quen vai dirixido o disco? A quen lle pode gustar máis?
Eu supoño que será máis asequíbel para a xente de menos de corenta anos. Aínda que polo de agora estame sorprendendo que á xente de máis de cincuenta estálle gustando moito. É verdade que pode axudar o feito de ter o oído acostumado a escoitar música tradicional, pero non é imprescindíbel. Eu non estou descubrindo nada, fago esa fusión entre tradición e modernidade dunha forma persoal, e dándolle a visión de Roi Casal. A quen lle pode gustar máis? Eu vexo, escoito e sinto o mesmo que a xente que é contemporánea a min, polo tanto en principio debería gustarlle máis a esta xente. Tiña gana de demostrarlle á xente que se pode ser moderno dende a música tradicional.

Ti segues en Milladoiro, pero este álbum demostra que a túa forma de ver a música é distinta...
Eu o único que lle pido á xente é que non vaia mercar este disco ou non vaia a un concerto meu pensando que vai escoitar un membro de Milladoiro, porque se vai sentir defraudado. É obvio que Milladoiro non é o meu proxecto; empezou cando eu aínda non nacera. Comparto a maioría das cousas que fai, pero non todas. Traizoaríame a min mesmo se me dedicase á vida cómoda de unicamente tocar con Milladoiro. E tampouco teño dereito ningún a introducir dentro do grupo a miña visión da música. Milladoiro ten unha liña que é independente dos seus integrantes, é un barco que navega só. Se eu quero coller outro rumbo teño que facelo eu.


4.9/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: