Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MUNICIPAIS E REXIONAIS

Venezuela vive unhas eleccións que poden marcar o seu futuro

Chávez aspira a consolidar o seu poder, mentres a oposición pretende gañar nas zonas economicamente máis influíntes.

Redacción / EP - 10:15 23/11/2008
Hugo Chávez

Hugo Chávez

Case 17 millóns de cidadáns de Venezuela están chamados a votar este domingo nunhas eleccións rexionais consideradas decisivas para o presidente Hugo Chávez, que aspira a consolidar o seu poder fronte á oposición, como deixou claro durante a campaña electoral.

O obxectivo fixado por Chávez é lograr que o Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV) gañe nas  22 gobernacións e nas 328 alcaldías, e que o seu poder se estenda ademais aos 233 lexisladores rexionais que se elixen este domingo.

Despois do revés sufrido hai menos dun ano no referendo constitucional, o presidente venezuelano advertiu nun mitin que "perder polo menos tres gobernacións nestas eleccións resultaría unha derrota para o goberno nacional". Chávez confía nunha posíbel vitoria "esmagadora" nos que serán os decimocuartos comicios desde a súa chegada ao poder, e boa parte das enquisas danlle a razón.

Actualmente, o partido no poder goberna en 20 dos 22 estados do país. Só Zulia e Nueva Esparta están nas mans da oposición. Do mesmo xeito, máis da metade das alcaldías e dos poderes lexislativos contan co liderado da formación de Chávez.

A principal preocupación do presidente é consolidar o seu poder en Zulia, bastión petroleiro do país que produce uns 900 mil barrís de cru e que actualmente goberna o seu principal rival, o líder da oposición, Manuel Rosales.

Polo PSUV preséntase Gian Carlo Di Martino, actual alcalde de Maracaibo, mentres que pola formación de Rosales, Un Nuevo Tiempo (UNT), aspira Pablo Pérez. As enquisas prognostican unha vitoria do candidato da oposición por unha estreita marxe.

O líder opositor, Rosales, aspira a tomar o poder, de novo, da alcaldía de Maracaibo, a segunda cidade do país, e na que xa gobernara de 1996 a 2000. Practicamente todas as enquisas danlle a vitoria.

Nos comicios deste domingo elixiranse 22 gobernadores, 328 alcaldes e 233 lexisladores rexionais, entre os que se atopan oito representantes indíxenas, dun total de 8.294 candidaturas, entre elas 2.505 para as gobernacións e alcaldías. Dos aspirantes, o 50,25 por cento son homes e o 49,75, mulleres.

As eleccións contan coa presenza de 131 observadores internacionais que xa chegaron ao país, entre eles dous representantes da Organización de Estados Americanos (OEA). Nestas eleccións rexionais, os venezuelanos que viven no estranxeiro non teñen dereito ao voto, mais si os inmigrantes con máis de 10 anos de residencia legal en Venezuela e que se inscribisen no Rexistro Electoral Permanente.


3.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: