Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
OBRA GAÑADORA DO RAMÓN PIÑEIRO EN 2007

A paisaxe, cerna da identidade nacional

María López Sández presentou no Ramón Piñeiro 'Paisaxe e nación', un estudo sobre os imaxinarios ligados á terra creados pola literatura.

Marcos S. Pérez - 18:30 25/11/2008

Paisaxe e nación: A creación discursiva do territorio realiza unha análise do imaxinario social do nacionalismo e a súa relación coa paisaxe, entendida como espazo e como creación. A paisaxe é unha construción social, o mesmo que a nación, e na literatura galega hai moitos exemplos de obras nas que estes imaxinarios adquiren un papel protagonista.

María López Sández integra na análise das construcións simbólicas realizadas pola literatura galega nos últimos dous séculos conceptos como o das Comunidades imaxinadas de Benedict Anderson, as heterotopías de Foucault, así como o estruturalismo de Barthes. Con estas ferramentas teóricas López Sández afonda en Cantares Gallegos, Arredor de si, e Retorno a Tagen Ata. Tamén está presente, dende a mesma capa do libro, a cartografía, a idea dos territorios creada a partir dos convencionalismos dos mapas, fundamental por exemplo na obra de Otero Pedrayo, en cuxo imaxinario xoga un papel fulcral o célebre mapa de Fontán, primeira carta científica realizada no Estado.

Na presentación, que tivo lugar no Centro Ramón Piñeiro, coa presenza de Marisol López, Manuel González e Víctor Freixanes, a autora destacou tamén o xeito no que este libro se liga aos obxectivos fundacionais de Galaxia e da ideoloxía do propio Piñeiro: pensar Galiza incorporando referentes e autores de todo o mundo, o pensamento universal. A obra lígase tamén, segundo López Sández, aos traballos sobre a paisaxe realizados precisamente nos anos cincuenta por autores como Juan Rof Carballo (Mito e Realidade da Terra Nai) ou Celestino de la Vega (Abrente e Solpor da Paisaxe).

A saudade, tan presente na construción simbólica realizada por Ramón Piñeiro, protagonista mesmo dunha dos seus escasos libros publicados, Filosofía da Saudade, tamén está moi vencellada ao concepto de paisaxe. Raymond Williams identifica a infancia como paisaxe perdida ou por exemplo Rof Carballo, que dun xeito un tanto determinista identifica a saudade cun certo tipo de paisaxes.

A dificultade de afondar nun tópico
Víctor Freixanes, director de Galaxia, destacou que Paisaxe e nación é un dos textos "máis interesantes e con máis esixencia" entre os ensaios publicados pola editorial, "unha viaxe pola construción da nación a través da construción da paisaxe". Pola súa banda, Carlos Lema, director de edicións, salientou que se trata dun "tema difícil", precisamente por ser un "tópico da cultura", cunha "presenza moi forte na literatura galega dende o Rexurdimento e a Xeración Nós". Finalmente, Freixanes destacou tamén a xuventude da gañadora: "é unha nova cara, sinal de que este país ten corda e pulo".

A paisaxe, recuperación simbólica do nexo coa terra

"Todo ensaio ten algo de autocoñecemento", di López Sández. A autora, de 35 anos, forma parte dunha xeración que naceu e se criou na cidade, a xeración posterior á que realizou o paso do espazo rural ao urbano: "realizando esta investigación, evoquei algunhas narracións escoitadas na miña familia nas que se construía ese espazo rural que significaba o pasado, o que se deixara atrás, narracións ambiguas nas que se mesturaba a nostalxia e o autoodio". Dende distintas disciplinas estudouse a maneira na que o concepto da paisaxe xorde, como recuperación simbólica, a partir da perda do nexo produtivo coa terra. López Sández reivindica, a través destas construcións simbólicas, un espazo urbano que non implica, necesariamente, a perda da identidade.

Aínda non existe unha integración plena do contexto urbano na identidade galega, e na visión que de Galiza constrúe o nacionalismo, di a autora, que conclúe que se trata dun "proxecto aberto". Nos últimos anos, dende a crítica literaria e a propia literatura existe un enorme interese por integrar estas visións urbanas, presentes en moitas obras da Nova Narrativa, "ou no xénero policíaco, que se intentou promover na literatura galega, identificado sempre coa cidade". Este interese pola incorporación do urbano, presente por exemplo nas historias da literatura de Dolores Vilavedra ou Anxo Tarrío, non impide que en moitos casos, mesmo en obras recentes, se atopen nesgos valorativos nas que a cidade non sae ben parada, como por exemplo historias de formación nas que o protagonista realiza unha viaxe, un éxodo, do campo á cidade, onde morre ou fracasa.

"A estética ten funcionado na historia como un elemento compensatorio" (Entrevista coa autora, publicada en Vieiros en decembro de 2007)


4.83/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: