Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
demanda da Plataforma Galega Antitransxénicos

Os activistas antitransxénicos demandan entrevistas con Quintana e Touriño

"Tras a covardía amosada polos parlamentarios que nos representan", a PGA pide que se controle a entrada de organismos xeneticamente modificados nas nosas terras.

Redacción - 11:02 29/11/2008

A pasada cuarta feira os tres grupos con representación no Parlamento aprobaban un texto consensuado -proposto polo BNG e emendado por PSdeG e PPdeG-, mediante o cal acordaban pedirlle ao Goberno que en Galiza non se produzan transxénicos destinados ao consumo humano e animal, así como que se incentiven as producións agrogandeiras tradicionais de calidade e os cultivos ecolóxicos.

Porén, a idea do grupo que o levou como Proposición non de Lei á Cámara, o BNG, era declarar Galiza zona Libre de Transxénicos, algo que, finalmente, ante a oposición de socialistas e populares, non se produciu. Ás portas da Cámara xuntouse un grupo de persoas, membros da Plataforma Galega Antitransxénicos (PGA), que consideraban que o texto que se debatía tiña importantes eivas. Cando se soubo das emendas e do acordo ao que finalmente se chegou, os activistas sinalaban que o que se tiña posto en marcha realmente, eran unhas "medidas laxas e contraditorias".

Esta sexta feira os colectivos membros da Plataforma Galega Antitransxénicos, denunciaron a "covardía amosada polos parlamentarios, ao non seren capaces de recoller as demandas da cidadanía" e exixiron entrevistas co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e co vicepresidente, Anxo Quintana. Nas xuntanzas propóñense trasladarlle aos máximos responsábeis do Goberno a necesidade de "clarificar con urxencia as ferramentas que haberán de garantir a posta en marcha dun texto consensuado polos tres grupos", alén de exixirlles "a creación dun órgano de supervisión e seguimento da aplicación dos puntos reflectidos no documento" que haberá de contar "ineludibelmente" coa participación da cidadanía galega.

"Grande ignorancia" sobre os efectos dos OXM
Dende a Plataforma Galega Antitransxénicos falan tamén de facerlle un seguimento especial a determinados puntos da declaración aprobada no Parlamento (a parte que fala de incentivar as producións agrogandeiras tradicionais e os cultivos ecolóxicos; a necesidade de especificar cales serán os mecanismos de promoción destes cultivos, para que non sexa unha cobertura legal para a convivencia de cultivos tradicionais con transxénicos; estabelecer un sistema de rastrexabilidade dos produtos; e que a responsabilidade destes mecanismos de control recaia no Ingacal, o Instituto Galego de Calidade).

A este respecto, sinalan a importancia do compromiso anunciado polos grupos parlamentares de apoiar proporcionar información e formación á cidadanía e profesionais do sector agrogandeiro, en todos os aspectos e efectos relacionados cos Organismos Modificados Xeneticamente (OXM), porque . Mais, neste sentido, dende a PGA ben aínda máis necesario de achegarlles información aos propios parlamentarios, sobre os OXM, " habida conta dos argumentos falsos que manexaron nas intervencións, poñendo de releve a grande ignorancia presente nos nosos representantes políticos na Cámara".

Por último, a PGA tamén describiu como unha "improcedencia" o punto recollido na proposta aprobada no Parlamento, no que se alude ao incentivo ás investigación en biotecnoloxía e enxeñaría xenética, xa que, segundo din, "entra en contradición" con todo o exposto por esta plataforma e polo primeiro punto do primeiro texto desta proposión, o presentado polo Bloque, que sinalaba: "o Parlamento de Galiza insta á Xunta de Galiza a que, no ámbito das súas competencias, non contemple a produción de cultivos transxénicos destinados ao consumo humano e animal".


3.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: