Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ALBERTE ÁLVAREZ, PRESIDENTE DE FEGATEA

"Alí onde hai un grupo de teatro afeccionado, hai público para o teatro"

A Federación Galega de Teatro Amateur organiza o seu festival esta semana en Compostela, co obxectivo de crear un circuíto estábel.

M.S.P. - 14:00 09/12/2008

Alberte Álvarez leva toda a vida facendo teatro. É un destes amateurs, amadores da escena, que constitúen a base do teatro galego. Sen o seu esforzo diario, non habería nada. Dirixe a Federación Galega de Teatro Amateur e é director artístico do grupo compostelán Ditea, creado hai 48 anos por Agustín Magán. Precisamente Ditea abre este martes o Festival de Teatro Afeccionado que leva o nome do director santiagués con Aquí cheira a morto, adaptación dunha comedia de Alfonso Paso.

Que presenta o festival nesta edición?
Pois hai propostas moi diferentes. Hai, por exemplo, teatro comercial de Madrid, como é a obra de Buero Vallejo Bágoas de Noitébrega, ou a propia adaptación de Alfonso Paso; unha demostración de que este teatro se pode adaptar ao noso idioma, á nosa realidade e ao noso tempo. E en paralelo, hai obras moi innovadoras e propostas completamente novas, como a obra de Sarah Kane, O cuarto do príncipe, coa que se pecha o festival, dirixida ademais por un grande do teatro como Manuel Lourenzo. Ou a Pensión 13, escrita por un autor moi novo, como Xoán Laxe. O teatro afeccionado demostra unha vez máis que pon no escenario propostas diferentes e innovadoras.

E que tal está de saúde o teatro afeccionado?
Coido que o teatro amador está nunha boa racha. Neste ano asinamos o convenio coa Dirección Xeral de Creación Cultural para poñer en marcha Teatro de Outono, que se compón de vinte ciclos con máis de 140 representación por todo o país. E está moi ben, aínda que se trata dun proxecto piloto. A idea e chegar a ter un circuíto estábel.

Esa é a principal reivindicación do colectivo? Que pode facer a administración para fortalecer o teatro amador?
Si, hai que crear un auténtico circuíto amador, que eses ciclos do outono se realicen durante todo o ano. É fundamental involucrar aos grupos, que están compostos por xente que traballa moitísimo polo teatro e pola defensa da lingua. En xeral, as cousas van a mellor, e estamos bastante satisfeitos co que aparece previsto no Plan Galego das Artes Escénicas.

Os grupos afeccionados son fundamentais para crear un público para o teatro?
Consideramos que si. Un dos grandes obxectivos do teatro afeccionado é a creación de públicos. É a base de todo. Pero non só os grupos afeccionados, tamén falo do teatro escolar, do teatro universitario, das asociacións culturais... Alí onde hai un grupo de teatro afeccionado, hai público para o teatro, cando vai unha obra dun grupo profesional, vai moita máis xente.

A xente que está no teatro amador é a que máis ama o teatro?
Si, a verdade é que poderiamos dicilo así. Estas persoas fan un grande esforzo durante todo o ano. Non é casual, por ese motivo, que este festival leve o nome de Agustín Magán. Agustín viviu toda a vida dedicado ao teatro, facía de todo: escribía, actuaba, dirixía, montaba os escenarios... Levou sempre a cidade de Santiago e o teatro amador por diante.

No 2010 a compañía que el creou, Ditea, cumpre 50 anos. Ides preparar algo?
A Xunta Directiva do grupo está realizando un proxecto de actividades que ocupará todo o 2010. Entre outras cousas prepararase un ciclo de teatro, mesas redondas, a edición dun libro coa historia da compañía, e esperamos que Ditea abra ou peche o festival do 2010. Ademais, queremos representar Os Rebertes, a obra coa que gañou o Premio Álvaro Cunqueiro en 1990.


5/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: