Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ALBERTE PAGÁN, REALIZADOR

"Ficar fóra da industria dáme unha independencia total como cineasta"

Experimental e comprometido, o seu cine racha esquemas. Traballa agora na montaxe de 'Tanyaradzwa', un filme de seis horas gravado en Cimbabue.

Xan G. Viñas - 10:35 14/12/2008

A obra do cineasta carballiñés Alberte Pagán sitúase á marxe da industria do cinema e de calquera caste de clasificación xenérica convencional. Partindo dunha innegábel querencia pola tradición experimental -con Andy Warhol como referente imprescindíbel- a súa filmografía, composta até o de agora por sete filmes, conxuga á perfección a busca de formas cinematográficas anovadoras cun fondo compromiso político, que ancora o material filmado a un tempo e lugar ben definidos.

A absoluta independencia do seu cinema, ao ser el propio responsábel da gravación, montaxe e manipulación das imaxes e os sons que compoñen as súas creacións, fixo que os primeiros filmes pasasen inadvertidos para a maioría do público e a crítica de cinema. Pezas que ían dende o puramente experimental -Os waslala-, até o cinema doméstico -Como foi o conto- pasando polo documental de creación -Conversas em Zapatera-.

O recoñecemento comezou a chegar co seu cuarto filme, Bs. As., longametraxe rica e complexa na que Pagán esculca as relacións da cidade de Bos Aires con Galiza a través de distintos materiais -fotografías, cartas, correos electrónicos- que afondan nos traumas e desencontros provocados pola emigración. Con este filme Pagán gañou o II Premio de Cine-Ensaio Román Gubern. Logo da realización de Pó de estrelas, filme curto no que o cineasta contrapón o bombardeo de imaxes publicitarias propio da sociedade de consumo, con iconas do fotoxornalismo que amosan a miseria sobre a que se cimenta a civilización occidental, o cineasta do Carballiño emprende a realización de Tanyaradzwa, peza de case seis horas gravada en Cimbabue.

Cando e como xorde o proxecto de Tanyaradzwa?
A idea de realizar o filme xurdiu, coma case sempre, por azar. En marzo de 2007 atopábame de viaxe en Cimbabue e alí coñecín a unha muller chamada Tanyaradzwa. Pareceume unha persoa especialmente interesante, que daba ben á cámara, e decidín iniciar a gravación. Estiven á volta dun mes na súa aldea filmándoa na súa vida cotiá e, durante ese tempo, souben pola radio que en Harare estábanse producindo manifestacións contra o goberno que eran reprimidas con violencia. Daquela decidín viaxar á capital para filmar os acontecementos. O proceso foi especialmente complicado, pois un estranxeiro cunha cámara non era moi ben visto pola policía local, polo que esta sección do filme componse de imaxes que riscan a clandestinidade.

Finalmente o filme resultante constitúese como un retrato desta muller que ben podería titularse "A vida e as opinións de Tanyaradzwa". A estrutura do filme componse de dúas partes, cada unha delas de case 3 horas de duración, que fala da vida rural dunha aldea de Cimbabue, na primeira metade, e do mundo urbano e os conflitos políticos da capital, Harare, na segunda.

Nas túas obras anteriores as declaracións dos personaxes acadan sempre gran protagonismo, con procesos de estilización anovadores, coma no caso de Bs. As., na que presentas con independencia a imaxe e o son. Como foi ese tratamento en Tanyaradzwa?
Esta última peza continúa en certo xeito coa miña investigación arredor da narración oral. Como foi o conto, por exemplo, é pura oralidade, pois nela presento unha muller relatando unha historia nunha cea familiar sen introducir ningunha manipulación. Tamén é o caso de Bs. As, no que introduzo a imaxe e o son de xeito independente. En Tanyaradzwa continúo indagando sobre os procesos de oralidade, mais, ao contrario que en Bs As., cada declaración preséntase coa súa imaxe correspondente, sen manipulación algunha, con planos sostidos que chegan aos 12 minutos. Neste caso apetecíame respectar o seu tempo de narración cos silencios incluidos.

En xeral, na túa filmografía creaches un xénero propio, no que combinas unha forte experimentación formal cunha importante vocación política. Ten precedentes este procedemento?
A verdade é que non coñezo moitos cineastas que conxuguen estas dúas vertentes aínda que si houbo na historia do cinema autores que fixeron cinema político con certas innovacións formais. En xeral eu inclínome máis cara ao cinema experimental. Paréceme que cando se introduce un discurso político de xeito directo, o contido textual acaba borrando o resto, ficando a historia que se conta por riba do aspecto formal. Esta é a razón pola que os cineastas da tradición experimental fuxían da narración coma do demo. Mesmo así gústame manter certo equilibrio entre estes dous polos, pois resúltame imposíbel fuxir do contexto social ou político das imaxes.

O teu cinema sitúase fóra da industria do cinema, ao estar realizado dun xeito doméstico, a partir dun traballo íntimo co material filmado. Non tes medo a que isto impida que os teus filmes cheguen ao público, ao ficar fóra do mercado?
Se hai un oficio que eu odie ese é o de vendedor. Paréceme moi triste tentar convencer ou obrigar á xente de que ten que ver un filme. Prefiro que o público, se ten interese, se achegue ás miñas obras. Por outro lado, ao ficar fóra da industria posúo unha independencia total como cineasta, sen ningún condicionante no nivel formal ou ideolóxico, manexando os meus propios tempos na contrución dos filmes, que adoitan levar bastante tempo. Todo isto sería imposíbel se traballase baixo uns parámetros de produción convecionais.

Na produción actual do cinema galego atopamos numerosas obras que poñen en cuestión a narración clásica do cinema, como poden ser os casos de Óliver Laxe, Ángel Santos ou Susana Rei. Cal é a causa deste movemento?
Supoño que máis ca un movemento estas creacións xorden das necesidades individuais de cada cineasta, pois en Galiza non hai unha escola de cinema como tal. En calquera caso, a tendencia cara á experimentación preséntase como a única saída viábel para poder realizar traballos máis honestos e persoais. O resto do que se fai baséase en imitar modelos preexistentes, co que o resultado adoita ser unha copia burda e con moi poucos medios do que xa leva décadas realizándose. Non coñezo moito a situación do cinema galego, mais o que teño visto paréceme moi pobre e mediocre. No cinema do que falas, oposto ás convencións, o resultado pode ser igual de pobre no material, pero cando menos é persoal e anovador.


4.56/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: