Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
VICENTE ARAGUAS, POETA

"Eu era visto con precaución en Voces Ceibes. Todos consideraban que era difícil clasificarme"

O profesor está traballando nunha segunda parte do seu libro de memorias sobre o grupo, que se chamará 'O que non contei sobre Voces Ceibes'.

M.S.P. - 12:10 20/12/2008

Araguas poeta, Araguas cantautor. Ferrolán de Neda, nedense de Ferrol. Un camaleón? Non, o camaleón vivía nunha pensión de estudantes na Calderería, foi unha canción, unha forma de criticar con humor aos virachaquetas, aos aproveitados: muda a súa cor/ é un gran burgués/ o camaleón. Un día as cancións mudaron en poemas: "unha noite de novembro, nun pub de Glasgow, de súpeto vin que o que estaba escribindo non era unha letra dunha canción: era outra cousa. Ese foi o comezo, aínda que a evolución continuou nos libros seguintes. De feito en Paisaxe de Glasgow hai varios poemas que tamén musiquei; nese sentido foi un libro de transición". Remataban os anos setenta, e co final da década chegaba o solpor dos cantautores.

A primeira vez que Vicente Araguas viu os seus poemas convertidos en canción foi a través do ferrolán Antón Seoane, máis de dez anos antes de este fundar Milladoiro. "Creo que Antón ten intención de recuperar algunha desas cancións", di. E a primeira vez que cantou estes temas en público na universidade foi nunha festa de paso de ecuador de Medicina, en 1967. Foi nun dos primeiros peches de febreiro de 1968 cando Araguas colleu unha guitarra e comezou a tocar algunha canción propia, así como algunha versión en galego de éxitos anglosaxóns. Soubo diso Benedicto, que artellou con Araguas unha primeira xuntanza no Colexio Maior San Agustín (onde vivía este último) á que asistiron Xavier del Valle, Guillermo Rojo e Xerardo Moscoso.

En 1991 Araguas publicou Voces Ceibes, un libro de memorias no que conta a historia do grupo. O concerto-homenaxe que ofreceron hai unhas semanas en Medicina vai ser o arrinque dunha nova obra. "Xerais propúxome reeditar o 'Voces Ceibes' de 1991 con engadidos. Empecei a traballar nel, pero pensei que polo mesmo prezo prefería escribir un libro novo, que se chamará 'O que non contei en Voces Ceibes'".

O que non contou de Voces Ceibes
Recentemente Araguas contestaba a algunhas críticas que se fan sobre a actividade do grupo, que tildou de "cainitas". "Non me vou mollar moito porque todo iso vouno contar no libro de Xerais. Pero si que é certo que hai un membro de Voces Ceibes que dixo hai un tempo que nós non foramos nin Voces nin Ceibes. Non o serías ti!", di Araguas, que continúa "non digo que en realidade a cousa non fose para tanto. Pero ben o dixo Reixa, que musicalmente foi ben distinto a nós, cando escribiu que como pioneiros Voces Ceibes foran fundamentais".

Araguas propuxo o nome de Ovellas Negras para o grupo, finalmente non aceptado: "Ovellas negras foi rexeitado por provocativo. É que a min sempre me gustou, e segue gustándome, provocar. E ademais porque o de ovellas negras remite a xente que se pon á marxe. Por iso é mellor 'Voces Ceibes'; ademais a palabra liberdade é tan abstracta, que a ninguén lle parece mal. De feito había un xornal da Falange chamado Libertad".

Araguas explica tamén que "era visto con bastante precaución. Todo o mundo consideraba que era moi difícil clasificarme, e recibía críticas dun e doutro lado". O grupo estivo moi ligado sempre ao PC, "e eu non era militante, nunca fun do partido, e de aí algunhas suspicacias. Non o era, entroutras couas porque eu non quero nin aleccionarme a min mesmo. Fíxate que este ano, que estou dando a asignatura de Educación para a Cidadanía, pois ao comezo chegaban pais preocupados co contido das clases. Cando viron a forma en que eu daba a materia, que non quería impoñer idea ningunha aos rapaces, marcharon tranquilos".

As súas cancións
Araguas era un rara avis en Voces Ceibes. Non era militante do PC, e facía algunhas cancións de amor, como Poema Triste, que despois incorporou Xoán Rubia ao seu repertorio. "Eu desmitificaba o tema do cantautor, eu son un setimental. O franquismo, ademais de moitas outras cousas, foi profundamente aborrecido, foi un coñazo. Eu, basicamente cantaba para ligar". A finais dos setenta Méndez Ferrín e Pexegueiro crearon unha fenda definitiva na poesía social galega con Con pólvora e magnolias e Seraogna; "pero moito antes hai libros que cumpren ese perfil", di Araguas, "como Ao pé de cada hora, de Salvador García Bodaño, ou algúns de Celso Emilio, como Terra de Ningures, o que escribiu na emigración, ou Onde o mundo se chama Celanova".

E introducía, ademais, o humor: "O Camaleón axudaba a desmitificar un pouco a seriedade da canción protesta. Aí estan por exemplo os poemas de Fernando Esquío, o meu paisano, como aquel de Dona Abadesa, frade escarallado, poemas que musiquei no seu momento. Quero gravar algún día esas cancións". "Eu veño da música popular", di: "Nos anos cincuenta crieime coas rancheiras, nos sesenta coa copla, que foi derivando na canción pop, e por suposto os cantautores folk, os franceses..." E Dylan, claro, non si?. "Ben, Dylan non inflúe musicalmente en min porque eu son un tipo moi limitado musicalmente. Eu son máis brasseniano. Pero si, Dylan é o máis grande".

Xuvia revisitada
Araguas vén de editar neste 2008 Vintecatro maneiras de querer a Brian, unha caste de elexía en honor de Brian Hughes, profesor e amigo escocés do poeta. E tamén Xuvia revisitada. Nesta última obra o poeta revisita Xuvia, a súa vila, e Xuvia, o poemario publicado en 1983. "A intención inicial era coller un libro vello e refacelo coa técnica actual. Pero saíu outro libro", di. Na obra hai memoria, saudade, e tamén unha reflexión sobre a memoria e a saudade: "Eu son un traballador da memoria. É a base, o músculo do cerebro".

É unha saudade necesariamente urbana, fuxindo da indentificación que decote se produce na literatura galega entre memoria local e escenarios rurais: "Díxome un día o ex alcalde de Neda: 'ti nunca lindaches unha vaca' E non, eu son urbano. E Neda, aínda que teña zonas rurais, e sexa un concello pequeno, é un concello urbano, necesariamente. Aí está o brutal descenso de poboación motivado pola crise dos asteleiros".


4,32/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: