Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XURXO BORRAZÁS, ESCRITOR

"En xeral vexo na literatura galega un excesivo ton catequista e espiritual"

O autor publica 'Costa Norte/ZFK', unha novela ambientada no futuro na Costa Morte, despois dunha grave catástrofe ambiental.

Marcos S. Pérez - 09:00 29/12/2008

Xurxo Borrazás di que cando un escritor se sinte desbordado pola realidade, iso provoca unha escrita fragmentaria; "non se pode escribir como no século XIX: o humanismo da ilustración oponse á realidade inhumana do século XXI". Neste caso a realidade sobordouno de vez, dando lugar a unha novela que para contar a súa historia bota man das técnicas da ciencia-ficción, das distopías de John Barth, James G. Ballard (O mundo mergullado) ou Octavia Butler. "Toda ficción é cuestionamento da realidade. Nese sentido, toda ficción é fantasía e falar de literatura fantástica é unha redundancia", di no epílogo do libro.

Un escenario real: Carballo, Razo, a Costa da Morte..., un perigo real para o medio ambiente: a construción do Porto Exterior da Coruña. "Neste libro está presente unha preocupación moi importante polos efectos do desenvolvemento industrial. Normalmente as miñas historias son pura ficción, pero neste caso hai moitas ligazóns oca realidade. Durante moito tempo fun atopándome coa miña novela nos medios de comunicación. Iso era moi distorsionante, e continuamente tiña que ir incorporando noticias á propia novela", explica. "Polo camiño, algunhas das datas que eu pretendera futuristas convertíanse en pasado e os acontecementos e a miña heterotopía teimaban en coincidir coma dous inimigos que se evitan pero acaban por enfrontarse", di. E conclúe: "a un autor non lle custa intentar un mundo. O problema é inventar unha linguaxe nova que fale do existente. Niso estiven estes anos, abraiado fronte aos xornais".

Borrazás confesa sen problemas que este é "un dos libros que me levou máis traballo, e non lle teño un especial apego. Por iso non teño unha opinión moi formada sobre a novela e teño ganas de escoitar o que din o demais sobre ela. En certa forma é unha novela sen rematar, o que non é nin bo nin malo". Non ten unha implicación emocional coa novela, pero si co que conta, ou co seu escenario: o treito de costa industrial que vai de Arteixo á Coruña, "unha paisaxe horrenda e inverosímil na que de cativo vin por primeira vez choutar un golfiño, agora unha distopía ás portas da casa". Falase pouco do Porto Exterior? "Fálase moi parcialmente, pero non pouco. Fálase do gran proxecto, do investimento, dos servizos que ofrecerá o futuro porto; e en cambio non se fala da operación de recualificación de terreos, ou de que a uns poucos quilómetros, xusto enfronte, hai outro porto exterior que agora ninguén sabe por que se construíu".

Experimentación
Costa Norte/ZFK xurdiu en boa medida dun relato, ZFK, publicado na revista San Xoán de Carballo en 2004, no que xa se atopan moitos dos elementos centrais da trama da novela. Pero Borrazás deixou outras pegadas no camiño: unha reportaxe publicada n'A Nosa Terra no 2005, un relato previo publicado por Xerais na antoloxía Narradio... Criminal tamén foi un relato que se acabou convertendo en novela, o mesmo que Ser ou Non, publicado nun primeiro momento no volume Materia Prima (Xerais). "Cando a historia segue na cabeza, penso que dá para máis, é cando un relato pasa a ser unha novela", di Borrazás. Os protagonistas das novelas de Xurxo Borrazás son arrastrados polas situacións que crean. Así sucedía na road-movie sexual que levaba aos personaxes de Eu é até Lisboa; ou a parella guiada polo desexo de Ser ou Non. En Costa Norte/ZFK a sensación de inevitabilidade é aínda maior.

Borrazás é dos escasos autores que apostan pola experimentación: hai outros, claro: Cid Cabido, Samuel Solleiro..., pero todos eles sitúanse fora do canon. A vangarda non ten por que estar no centro do sistema literario, claro, pero en calquera caso ás veces bótase en falta máis valentía. Faise boa ou mala literatura en Galiza? "Temos unha literatura normal, non sobresaliente, pero normal para as dimensións galegas", di. Os escritores galegos len? "Eu digo que si lerán, non? Quizais non se le tanto de fóra como de autores galegos, e pode que se lea unicamente narrativa, e en cambio non tanto ensaio, que é un xénero que eu considero moi interesante. En consecuencia as obras galegas resultantes poden reflectir isto, e por exemplo é difícil atopar mistura de xéneros. En calquera caso creo que se le máis agora do que se lía antes", contesta.

"Paralizar o Gaiás"
"A mellor censura é a subvención". Borrazás é un autor crítico que bota en falta unha maior carga de crítica nos escritores galegos, que parece que moitas veces non levan ao ámbito público as ideas que defenden en privado. Borrazás é claro: "O que si vexo é que a forma de estar dos escritores galegos é demasiado tranquila, falta ruído. Non se crea controversia, e se non hai controversia, para que queremos a cultura? Existe un exceso de funcionarización, esa idea de que somos un equipo, de que temos que traballar colectivamente, facer país, arrimar o ombro... O artista que faga obras para algo, con algún fin, vai facer malas obras. En xeral vexo na literatura galega un excesivo ton catequista e espiritual. E eu cando vexo ese ton espiritual diante miña, saco a pistola".

Houbo un cambio real nestes catro anos en Galiza, sobre todo no que atinxe á política cultural? "Claro que se notou un cambio, aviados estariamos se fose exactamente igual que con Fraga. Percíbese interese por facer cousas, e un traballo detrás". Porén, Borrazás matiza: "Non sei se é pola herdanza do PP, pero aí esta o Gaias, as fundacións, a política de circuítos... Mantense toda a aparataxe do PP para darlles circo aos cidadáns. Isto contradí o que fora sempre a política cultural do BNG cando estaba na oposición, baseada en potenciar a actividade asociativa. Agora xa nolo dan todo feito".

Finalmente, Borrazás é moi claro á hora de falar da construción da Cidade da Cultura: "Vexo unha falta de decisión, para enfrontarse ao Gaiás con máis valentía. Hai que paralizalo. Se non se paralizou unha vez que se produciu o cambio de goberno, había que paralizalo un ano despois, e se non, agora, pero o Gaiás simboliza exactamente o contrario do modelo de cultura que eu defendo".


4.58/5 (36 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: