Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
PASARÓN PECHOU A FESTA DO FÚTBOL GALEGO

As irmandiñas non quixeron partillar o balón coas baleares

Á volta de 2000 persoas achegáronse até o campo pontevedrés para contribuir co seu apoio á primeira vitoria da selección galega feminina.

Pablo García Martínez - 07:00 29/12/2008
Equipo titular da Irmandiña

Equipo titular da Irmandiña

As mozas adestradas por Pili Neira acadaron unha clara vitoria sobre o combinado da Illas Baleares, que en ningún momento semellaron estar capacitadas para loitar polo encontro. Ao contrario do que pasara o ano pasado, as irmandiñas saíron asoballando, e non tardaron en poñerse por diante no marcador gracias a un gol de Mari Paz Vilas despois un espectacular pase interior de Verónica Boquete.

Nos seguintes minutos as galegas dominaron con comodidade o encontro e a portería de Maite Soage só correu perigo con algún achegamento da dianteira María Vidal, a máis perigosa das futbolistas baleares. O encontro volveuse espeso, con moitos balóns directos e poucas accións de combinación colectiva, mais sempre con Carol Baños e, sobre todo, Verónica Boquete exercendo un maior dominio sobre a circulación do balón. Precisamente da man desta última xogadora o equipo de Pili Neira aumentou a presión sobre a portería de Juana Navarro nos minutos finais do primeiro tempo, dando como resultado varias ocasións claras de gol. Nunha delas Miriam Ríos marcou o segundo tanto local ao cruzar por baixo o balón tras un gran pase interior que conectou á perfección co seu eléctrico desmarque. Coa euforia deste gol aínda latente a árbitra María López pitou o final dunha primeira metade.

Na segunda parte Pili Neira realizou varios cambios, pero houbo dúas mudanzas tácticas que rematarían revolucinando o rumbo do encontro. A primeira delas, e máis importante, foi a entrada de Miriam Domínguez para pasar a formar parella na media con Carol Baños liberando así a Verónica Boquete, que pasou a moverse máis perto da área rival. A segunda delas consistíu en meter a Anair Lomba na banda esquerda, recuperando este canto do ataque, que apenas fora utilizada na primeira metade.

O resultado foi un dominio insultante que se traducíu nun resultado escandaloso, acadado mediante un vistoso xogo que fixo desfrutar ás seareiras e aos seareiros chegados até Pasarón. Repetiron Miriam Ríos e Mari Paz Vilas, Verónica Boquete marcou dous e tamén aportou o seu gol a habilidosa Anair Lomba. Malia o gol da honra acadado por María del Carme Cladera para as Baleares, Galiza consegue con este marcador poñer o seu casilleiro en positivo despois da severa derrota sufrida o ano pasado contra Catalunya en Balaidos.

Pasarón ofreceu un fermoso fin da festa do fútbol galego que comezara o día antes en Riazor co partido da selección masculina. Até o estadio pontevedrés achegáronse á volta de dous mil seareiras e seareiros que tiveron a oportunidade de presenciar un gran partido e, ademais, a vitoria dunha selección irmandiña de mulleres que marcha da ribeira do Lérez na fura de diante. Aínda que a afluencia de público cumplíu as expectativas existentes, a mágoa foi que estas teñan que ser tan modestas cando se trata do partido dunha das nosas seleccións. A mágoa é que nun negocio onde se move tanto diñeiro como é o fútbol ninguén dos que reparte este suculento bolo repare en que hai espalladas polo mundo miles de mulleres que, igual que os homes, escordan nocellos e botan xuramentos mentres dan patadas a un balón.


4.92/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: