Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRITICA O PREDOMINIO DA UPG

O Encontro Irmandiño rexeita as listas e o programa presentados polo BNG

Afirma que o programa aprobado "renuncia a defender transformacións esenciais para a cidadanía galega".

Redacción - 13:20 11/01/2009

Nunha declaración difundida este sábado, os membros do Consello Nacional elixidos pola lista do Encontro Irmandiño na Asemblea Nacional de 2006 manifestaron o seu rexeitamento ás listas e ao programa electoral aprobado polo BNG e explicaron o seu voto negativo.

En canto ás listas, a declaración afirma que "non contemplan na súa composición a pluralidade existente no BNG, de feito na práctica todos aqueles que integramos ou apoiamos listas distintas á "oficial" non contaremos con presenza no futuro grupo parlamentar e, lembremos, somos perto do 40% da militancia activa participante na citada derradeira asemblea". Así mesmo, indican, referencia á UPG, que "estas listas insisten e reforzan pola súa ordenación -e os previsíbeis corrementos por nomeamentos para cargos gobernamentais- o predominio en máis dun 50% dun partido que representa escasamente o 10% da militancia do BNG e a exclusión de moitas das maneiras de ver o nacionalismo que integran aínda hoxe a nosa organización".

Polo que respecta ao programa, o Encontro Irmandiño argumenta que o texto "renuncia a defender transformacións esenciais para a cidadanía galega; a defensa da soberanía alimentar, o apoio ao sector agro-gandeiro sobre da base da explotación familiar, a creación dunha banca pública galega ou o compromiso de retirada do Plano Acuícola". Todos estes aspectos foron emendas presentadas polo Encontro Irmandiño e que foron rexeitadas na súa totalidade.

Finalmente, a declaración conclúe que "o noso voto 'non' a estas listas é un voto 'si' ao BNG como saíu concibido na súa asemblea fundacional, ao BNG do 'proxecto común' que tanto proclamábamos ate hai ben pouco".


4.4/5 (43 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: