Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
DENDE ALEVÍNS ATÉ ABSOLUTO

Verducido recibirá aos mellores padexeiros do estado

Entre os meses de xuño e setembro celebraranse no centro deportivo Pontillón do Castro cinco campionatos estatais de diferentes categorías.

Redacción - 12:30 14/01/2009

A parroquia de Verducido, pertencente ao concello de Pontevedra, acollerá entre o 6 de xuño e o 13 de setembro cinco campionatos estatais de diferentes categorías. Esta elección confirma ao Centro Deportivo Pontillón do Castro como a mellor instalación das súas características a nivel estatal, xa que os estes campionatos volven a Verducido só dous anos despois do seu último paso por Pontillón do Castro. Iso foi no 2007, ano no que tamén acolleu o campionato de Europa absoluto de piragüismo en augas tranquilas.

Os campionatos comezan entre o 6 e 7 de xuño coa celebración do torneo máster absoluto, onde se agarda a presencia de padexeiros como Carlos Pérez, David Cal ou Teresa Portela. O 27 e 28 do mesmo mes comezará o momento dos júnior e cadetes, que participarán no máster na súa categoría para despois, os días 22 e 23 de agosto, competir no campionato estatal de pista. A última semana dese mes, os días 29 e 30, está garantida a chegada a Verducido de todas as grandes estrelas do piragüismo estatal para padexar no campionato absoluto. O calendario de competicións estatais remata os días 12 e 13 de setembro coa celebración do torneo na categoría infantil.

Deporte anuncia un plan de dinamización para o centro
A confirmación destas competicións coincidiu co anuncio dun plan de dinamización para o Centro Deportivo Pontillón do Castro, realizado pola Dirección Xeral para o Deporte e a Fundación Deporte Galego. Este plan ten como finalidade o máximo aproveitamento das potencialidades que ofrece o centro de Verducido e que non se cinguen só ao traballo na auga.

Así, apóstase pola mellora en aspectos como a iniciación á práctica deportiva, a tecnificación, a formación, e tamén no campo da oferta recreativa, neste caso coa idea de achegar o traballo que se fai no centro á maior cantidade de xente posíbel.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: