Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Marwan Shakhsa, palestino de Gaza en Galiza

"Dáme vergoña ser de Al Fatah arestora"

Nin el nin a súa muller queren oír falar do presidente da Autoridade Nacional Palestina, Abu Mazen. "Con Arafat vivo isto non tería pasado", aseguran.

Fernando Arrizado / Vídeo: Isabel G. Couso - 20:14 17/01/2009
As bombas caen sobre Gaza

As bombas caen sobre Gaza

O canal Al Jazeera non se ve na casa de Marwan Shakhsa e da súa familia cando chove en Compostela, mais o televisor sempre está aceso. Ao chegarmos, o ceo acouga por uns intres, e a pantalla amosa que non é auga o que cae en Gaza dende hai tres semanas.

As imaxes de cativos roídos polo fósforo branco intercálanse con declaracións de líderes mundiais e manifestacións polas rúas; unha moza en Cisxordania porta unha foto de Hugo Chávez. "Ese si que ten collóns", exclama Marwan -a súa muller, Nisreen, acicálase no cuarto contiguo e os seus fillos, Mohamad, Anas e a pequechiña Noor, xogan no corredor.

Nin ela nin el, ex traballador da televisión en Palestina e militante de Al Fatah dende mozo, perdoan o comportamento dos líderes árabes durante o masacre de palestinos en Gaza. "Mira, ese é o de Qatar! Está a os pór a pan pedir porque nin conseguiron acordar unha data para se reuniren", traduce Marwan.

A súa vida, como a de case todos os palestinos de menos de 60 anos, non se pode explicar á marxe do conflito con Israel. Dende os 13 anos, Marwan, loitou na primeira liña contra a ocupación. Metéreno no cárcere dúas veces e ferírono outras dúas, unha na man e outra nas costas. "Nunca durmía na casa", di. Da cadea, nunha das ocasións, saíu grazas a un intercambio de prisioneiros palestinos polo cadáver dun soldado israelí.

En 2001 chegou a Compostela coa súa familia. Comezou a respirar. Antes tivo que fuxir de Gaza por un subterráneo, previo pago de 800 dólares. Os famosos túneles, "moi estreitiños, mais con luz cada 50 metros", que tamén está a bombardear Israel estes días. "Agora botan gas e os que están dentro morren como ratas. E tiran bombas que provocan terremotos; o meu irmán, que vive a 60 quilómetros, di que as sente".

O Estado de Israel é o seu inimigo. Non hai dúbida. Un estado "artificial", formado por xente "pagada" que vivía na rúa, de Rusia, de Romanía, de Bulgaria, e que -vaticina Marwan- "cedo ou tarde, desaparecerá". Un estado que "nunca cumpriu con ningún acordo. Ou convocaban rapidamente eleccións ou atacaban algo para que os palestinos respondesen e se cancelase todo".

Saudade de Arafat

Porén, tanto el como Nisreen teñen claro que no sufrimento do seu pobo participan indirectamente outros axentes. "Eu son de Al Fatah de toda a vida. Os meus pais, os meus irmáns... Mais agora mesmo dáme vergoña. Mentres Abu Mazen (presidente da Autoridade Nacional Palestina, ANP) siga, eu nunca serei de Al Fatah", recoñece Marwan.

Para eles, Mahmoud Abbas -coñecido familiarmente como Abu Mazen- é un dos principais culpábeis da situación que se está a vivir en Gaza. Defensores dun único estado onde convivan todas as etnias e relixións, nin sequera confían en que consiga que se creen dous, un israelí e outro palestino. "Non sufriu o que estamos a sufrir nós", argumentan.

Aseguran que "con Yasser Arafat vivo isto non tería pasado". "Antes sempre había acordos entre os grupos da OLP. Dende que morreu, os que estaban ao seu redor traballaron a prol de EUA e Israel. Cobraron ben para dividir o país. Os propios americanos recoñeceron que financiaban Al Fatah para machacar os de Hamas. Maltrataban as familias dos que estaban no cárcere, non respectaban as súas mulleres cando os ían visitar... Iso é o que estaban a facer algúns da ANP", relata Marwan.

Complicidade dos líderes árabes

Tamén os países árabes levan a súa parte, ou mellor dito, os seus líderes. "Cada un ten a súa vida, mais se temos o mesmo sangue, somos irmáns, ... non sei que o que lles fixo Bush para nos vender así de baratos". A xenreira é evidente. Se na manifestación nacional a favor do pobo palestino deste domingo en Compostela non arde ningunha imaxe de Hosni Mubarak, presidente de Exipto e principal mediador nas conversas para un cesamento do fogo, non será por falla de ganas.

"A tregua de Exipto é un plan de EUA e Israel -asegura Nisreen. Hamas non vai aceptar esta tregua porque é unha trapallada. Hamas quere que as fronteiras se abran e os israelís abrilas cando eles queiran, ternos outra vez no cárcere". "Tanto sangue, tanta xente, tantos cativos, e ao final para isto...? Antes sen comida, encerrados, viviamos mellor que o que di a tregua exipcia".

O seu home fai historia: "Nunca unha tregua saíu ben cando estivo Exipto de por medio. Nunca. Exipto era un gran país antes de que viñese este presidente, que xa leva 30 anos e está preparando o camiño para o seu fillo, antes de el morrer".

Hai admiración e respecto por Arafat e hai comprensión para Hamas. Os problemas, din, chegan cando quixeron meter na cadea todos os militantes da organización islamista. "Grazas a Deus que con esta guerra volveuse unir todo o pobo". "Crían que a ían derrotar, porén o que fixeron é fortalecela. Nas manifestacións no mundo árabe, todo o mundo berra e está con Hamas".

Hamas, organización terrorista?
"Non é unha organización islamista radical, que pouco respecto ten, por exemplo, polos dereitos das mulleres?", pregunta o xornalista. "As únicas mulleres que viven ben, como Deus manda, son as mulleres que están casadas con xente de Hamas", asegura Marwan. E Nisreen tamén asinte.

"En Europa -continúa- moita xente mistura as cousas. Un grupo que está loitando por recuperar a terra que lles foi roubada, que viron morrer familia e amigos, non debería ser considerado terrorista. Ás veces están preparando un foguete e estoura e morren todos. O mundo debería intentar coñecer máis do mundo musulmán e de Hamas. O único que está a facer é aplicar o que di o Corán".

"Roubáronnos a terra, roubáronnos a paz, a tranquilidade. Que esperaban? Que non loitásemos?", razoa Nisreen. "Claro, como Hamas se rebela e os outros (por Al Fatah) aguantaron todo e estaban caladiños... Hamas non. Hamas pide pola paz e a tranquilidade e polos mínimos dereitos do seu pobo", afirma.

A conversa termina, e Marwan, que ten o seu fillo adormecido no colo, toma a palabra. "Pénsao: Non podes saír, a auga está contaminada, as axudas humanitarias da ONU non as deixan entrar... pregúntalle a calquera: Que prefires, morrer rápido ou lentamente? A vida éche moi dura alí".


4.62/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A familia Shakhsa recibiu a Vieiros no seu fogar, en Compostela

Mahmoud Abbas, presidente da ANP e líder de Al Fatah. Ao fondo, un retrato de Yasser Arafat
Mahmoud Abbas, presidente da ANP e líder de Al Fatah. Ao fondo, un retrato de Yasser Arafat
As ministras de Exteriores de EUA e Israel, Condoleezza Rice (esq.) e Tzipi Livni reuníronse este venres en Washington
As ministras de Exteriores de EUA e Israel, Condoleezza Rice (esq.) e Tzipi Livni reuníronse este venres en Washington
A ofensiva do Exército de Israel xa vai pola cuarta semana
A ofensiva do Exército de Israel xa vai pola cuarta semana