Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EN VIGO, SANTIAGO E A CORUÑA

Jeremy Jay, Konono nº1 e François Breut quentarán o inverno no Sinsal 7

O Festival comezará o 1 de febreiro no Marco co concerto de Evangelista (a banda de Carla Bozulich), Sir Richard Bishop e Ches Smith.

Redacción - 10:35 24/01/2009

A sétima edición de Sinsal mantén un alto nivel de calidade, como nos ten afeito nos últimos anos, malia a ausencia de grandes nomes. Entre as novidades para o 2009 destaca o feito de que canda aos concertos de Vigo, base do festival, tamén haberá actuacións en Santiago (de novo no Salón Teatro) e por vez primeira na Coruña. Durante a rolda de prensa Julio Gómez, organizador do SINSAL 7, tamén anunciou outra sorpresa, aínda que para o segundo semestre. Consiste en emprazar a estación de verán do Festival na Illa de San Simón, mediante un microfestival nunha fin de semana de xullo, para o que xa empezaron a traballar man a man coa Consellería de Cultura.

O 1 de febreiro, en Vigo, o auditorio do Marco acollerá o concerto de Evangelista, a banda rock experimental de Carla Bozulich, acompañada de Sir Robert Bishop (fundador dos lendarios Sun City Girl) e e o percusionista de free-jazz Ches Smith. Bozulich, figura da cultura marxinal nortamericana nas últimas décadas, desenvolve unha actividade moi extensa nas artes performativas e na literatura máis outsider, e presatará as cancións do último disco de Evangelista, Hello Voyager.

O 20 de xuño estarán na cidade do sur os congoleses Konono nº1, que o pasado ano tiveran que suspender, por problemas burocráticos, o concerto que debían ofrecer no Centro Cultural Caixanova. Esperemos que nesta ocasión a Unión Europea permita entrar no continente a esta formación que conta entre os fans, por exemplo, con Björk.

Tamén Santiago, e por vez primeira, A Coruña
Por Santiago pasará Jeremy Jay, que actuará no Salón Teatro o 8 de febreiro presentando o seu disco de debut, The Place Where We Can Go, que a crítica coloca entre os mellores do 2008, con influencias diversas, como François Hardy, Buddy Holly, David Bowie ou Nirvana, que se funden nun álbum cálido e emotivo. Finalmente, o Sinsal chegará á Coruña por vez primeira, co concerto que a francesa Françoiz Breut ofrecerá no Fórum Metropolitano o 30 de marzo.

Entre as formacións que pasaron polo Festival Sinsal nas seis edicións anteriores están Hood, Explosions In The Sky, Mum, Dominique A, Lali Puna, Low, Wedding Present, CocoRosie, Apse, Joan as Police Woman, Bonnie Prince Billy, Sea & Cake, Young Marble Giants, Experience, Lightning Bolt ou Vic Chesnutt.


4.2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Evangelista: 'Hello, Voyager'

Konono nº 1

Françoiz Breut

Jeremy Jay: 'Heavenly creatures'