Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MANUSCRITO INÉDITO

Derradeiro discurso de Castelao

O texto foi publicado no número 469 d'A Nosa Terra, de xuño de 1949.

Redacción - 20:25 30/01/2009

Amigos e irmás:
Eu conservaba un testamento antigo, escrito en galego, no que o testador declaraba estar san de corpo e de alma, sen ningunha door física, que lle quitase o entendimento e o xuicio. Non é que agora lembre aquíl testamento, porque queira deixar fe da miña vontade para que dispóis de morto non haxa contenda sobor dos meus bens, pois nin teño fortuna nin penso que a miña enfermedade sexa mortal. Eu non podo morrer agora, porque ainda teño moito que facer, e a miña vontade de vivir val tanto ou máis que as meiciñas dos médicos. Non; eu lembro aquel testamento porque son escravo d-unha door física que dende fai máis de catro meses non me permite coordinar ben as ideias. Non podo, pois, escrebir un mensaxe diño da hora presente. Aseguro que nunca na miña vida tiven tanto que decir e tantos desexos de decilo; pero non podo ordear a materia que dentro de mín rebule. E tempo chegará para falar como é debido.

Os meus discursos no día do Estatuto foron sempre crónicas e xuicios d-aquelo que máis preocupaba á nosa coleitividade. Hoxe o meu discurso sería extenso, e duro de roer para certos monifates. Falaría do republicanismo desterrado de Hespaña, xa caído na máis torpe rutina doutrinaria, que non soupo manter en vilo, a causa máis sensible do noso tempo. Falaría dos partidos políticos restaurados no desterro, que sóio sirven para armar líos. Falaría do goberno hespañol que agoniza en París e dos gobernos autónomos que andan por atallos perigosos. Falaría do convenio socialista-monárquico, que non sóio delata o impudor de certos xerifaltes do socialismo, senón que vai complicando e corrompendo ao esquerdismo hestórico de Hespaña. Falaría, inclusive, do Comité Federalista Hespañol, que preside Madariaga e o seu elenco de malos cómicos. Falaría extensamente dos varios criterios que reinan no interior de Hespaña e nas espranzas que moitos poñen ainda no talento de Prieto. Falaría da mentalidade dos novos emigrantes galegos, que veñen a enriquecerse cos métodos correntes en Hespaña. Falaría da emigración dos xurelos, con tanto respeto como falaría da emigración dos galegos de hoxe en día. Pero, a miña atención deteríase principalmente, nos varios acaecimentos que padeceu, e sigue padecendo a coleitividade galega de Bós Aires. De todo esto falarei cando me repoña da enfermedade que agora me ten postrado e xuro que non me coutará ningunha consideración, pois estou no segredo das maniobras, e coñezo ben aos alacráns que as dirixen. O ataque vai contra o galeguismo orgaizado da nosa coleitividade i en beneficio dos franquistas e monárquicos, que nas Américas soñan con volver a reinar. Esta é unha verdade que non tardará en ser demostrada. E conste que se ataca o galeguismo porque se quer matar o republicanismo.

Ningún home de ben negará que os galeguistas sacrificamos moitas veces o noso galeguismo en aras do republicanismo; pero ocurre que os republicáns específicos non erguen a súa voz para recoñecelo. Esto quer decir que os republicanos específicos carecen de sentido político, porque o día que o galeguismo da nosa coleitividade desaparecese, desaparecería o mellor baluarte do republicanismo en América. Podo decir, ademáis, que o día que o noso movimento galeguista e republicán se quebrante, ese día sairán da escuridade os falanxistas hespañoes, porque os republicáns a secas teñen menos coraxe para defender a República que os galeguistas. Velahí por qué eu, no día de hoxe, denuncio como traidores a cantos sementan a discordia na nosa coleitividade, inxuriando e calumniando ao galeguismo, co único obxeto de servir aos nemigos da República democrática e liberal.

O resto do descurso segue con letra de Prada...

O ataque contra o galeguismo organizado é un ataque dirixido contra o republicanismo se algúns galeguistas por libre caen nesa tentación non fan máis que servir ao falanximos nemigo de Galiza.

Que se me perdoe que non sexa máis eistenso, pero deixo esí mañifestado, moi apretadamente as razós básicas da iñorme importanza que ten o galeguismo orgaizado, non somentes para defender os dereitos de Galiza, senón para defender tamén as esencias do republicanismo, que non poden ser outras que a democracia e a liberdade.

Por riba da desagradable crónica e da dura crítica que eu podía facer hoxe da aitualidade, queda, non embargantes, a miña espranza no bó sentido galego, e quero deixar testimoño no tempo dos nosos ideaes, que non se limitan ao conquerimento d-un simple Estatuto otorgado graciosamente polo Estado Hepañol, senon d-unha Autonomía integral para Galiza dentro d-unha Confederación Hispana.

Dende o meu leito de enfermo envío, n-iste día memorable, afervoados saúdos a tudol-os patriotas galegos.


5/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: