Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Os candidatos en primeira persoa

A nai de Feijoo: "Di que casou con Galiza, e Galiza non me dá netos"

"Eu xa sabía que o que el propuxese, habíao conseguir". Falan os familiares no vídeo máis persoal de Feijoo.tv. Tamén hai vídeos biográficos en Quin.tv e en Touriño.tv.

A. Rodríguez - 12:00 05/02/2009
A nai de Núñez Feijoo, Sita

A nai de Núñez Feijoo, Sita

Os candidatos ás eleccións do 1 de marzo seguen a traballar coa rede como ferramenta electoral. A última novidade, o vídeo que o equipo de Alberte Núñez Feijoo elaborou da familia do líder popular.

Nel, sentados nun sofá no que semella ser a súa propia casa, en Vigo, falan súa nai, Sira Feijoo, e seu pai, Saturnino Núñez. Tamén aparece súa irmá, Micaela; a súa sobriña Berta; seu tío Afonso Feijoo,; o profesor Frutos, que lle deu Dereito Administrativo na universidade; e Pilar Farjas, quen foi directora da Axencia de Seguridade Alimentaria de 2001 a 2004, e que lembra a asistencia do líder popular á súa toma de posesión. Todos afondan na personalidade do candidato do PPdeG, e contan pequenos retallos da súa vida. Súa irmá destaca os anos de estudante incansábel, mais salientando que, a pesar da dar Feijoo unha imaxe de "rato de biblioteca", "nenos dos cóbados" ou "neno opositor", é unha persoa moi accesíbel, "tremendamente humilde, que sabe escoitar de todos os lados". Un "fóra de serie", segundo o señor Saturnino.

"E Galiza non me dá netos"
Ao comezo do vídeo súa nai relata "a dor máis grande miña", cando Feijoo marchou estudar a un internado a Castela: "con 10 anos boteino da casa, o mesmo día que cumpriu 10 anos, boteino da casa, boteino para o colexio, de interno, nada menos que a León, porque aquí non había un colexio como eu quería... Cada vez que o penso choro, sen podelo remediar". Seu pai asente, e di que el tamén choraba, mais non o dicía, "gardábao para min". Ao terminar o vídeo súa nai Sira -á que é cuspidiño Feijoo, sen dúbida-, lamenta a dedicación exclusiva de seu fillo: "E aínda por riba di que casou con Galiza... Vaia home! E Galiza non me dá netos".

Imaxes biográficas no vídeo blog de Touriño, Allariz no de Quintana
Este pode ser o vídeo máis persoal de Feijoo, se ben é certo que na súa web son abondos os vídeos nos que amosa momentos ou lugares propios, como o vídeo aquel no que, no seu propio piso, de abondos metros cadrados e pendurado sobre o porto de Vigo, toma café, ou bebe zume, mentres se dirixe ao público.

Se cadra o vídeo blog menos persoal é o de Quintana, xa que nel só afonda un bocado na súa biografía no vídeo titulado Allariz e máis eu. Porén, un dos máis comentados foi un dos últimos vídeos engadidos, o titulado Eu son Anxo Quintana, que se pode visionar a carón desta información, e no que participaron coñecidos actores e actrices galegos.

En Touriño.tv escolleron as imaxes máis destacas da biografía do candidato socialista para facer un dos vídeos de presentación da web, mais esta semana mudáronlle a música de fondo, escollendo o tema que ha levar o PSdeG nesta campaña a todos os seus actos, No niño novo do vento, o poema neotrobadoresco de Álvaro Cunqueiro que, desta volta, canta Xoel López, o líder da banda coruñesa Deluxe.


1.67/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O vídeo máis persoal de Alberte Núñez Feijoo (en castelán)

O vídeo biográfico de Emilio Pérez Touriño, con imaxes

O coñecido 'Eu son Anxo Quintana', no que participan actores galegos