Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
PROGRAMA ELECTORAL

O BNG promete crear un Instituto Castelao para promocionar a cultura galega no exterior

Os nacionalistas propoñen declarar o 2010 'Ano Seoane' e reclaman coordinar dende a Xunta as programacións culturais das entidades privadas.

M.S.P. - 19:47 16/02/2009

O BNG, perfecto coñecedor do departamento, presenta un programa moi detallado, no que destacan algunhas propostas, como a creación do Instituto Castelao de Lingua e Cultura Galega, "co obxectivo de promover internacionalmente a identidade, lingua e cultura de Galiza, centralizando e coordinando todas as políticas de apoio á lingua e cultura galega no exterior" e tamén do Centro Castelao, destinado a investigar, difundir e recompilar a obra e figura do político e escritor de Rianxo. A creación dun centro para a proxección internacional da cultura galega foi unha proposta que tanto nacionalistas como socialistas fixeron ao comezo da lexislatura. O BNG propuxera nomealo 'Instituto Castelao', mentres que o PSdeG-PSOE avogaba polo bautizalo como 'Instituto Rosalía'; porén, despois de catro anos, non se creou nin con un nin co outro nome.

Na entrevista concedida a Vieiros hai só uns días, a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, afirmou que a proxección exterior da cultura "é un tema que creo que agora se vai poder enfrontar mellor. Partiamos da nada, non existía proxección exterior. A proxección exterior era pagarlles logos aos artistas estranxeiros para que levasen nas súas galas. E creo que era importante facer ese traballo previo nas distintas feiras internacionais, un traballo que outras nacións levaban anos facendo".

2010, Ano Seoane
De igual xeito, o BNG propón a celebración en 2010 do Ano Seoane. Destaca, igualmente, a promesa da elaboración do Plano Galego de Artes Plásticas, ausente nos programas dos outros dous partidos. Así mesmo, cómpre salientar outros dous puntos do programa nacionalista en Cultura. O primeiro afirma que procurarán "un maior control da actividade programadora das entidades financeiras e fundacións culturais galegas, para garantir un nivel elevado de artistas e creadores galegos nos seus programas e actividades". Ademais, o BNG promete o deseño e o desenvolvemento dun programa de apoio ao asociacionismo local, provincial e galego.

Finalmente, os nacionalistas anunciaron a posta en marcha "dun arquivo e o comisionado da memoria histórica de Galiza" en resposta ao reto lanzado desde o goberno estatal que, segundo Quintana "vén de descubrir que son as comunidades autónomas as que se teñen que encargar disto. A nós non nos parece o xeito de obrar, pero non estamos dispostos a quedar cos brazos cruzados. Imos asumir o reto, e por iso queremos pór en marcha o arquivo e comisionado galego para a memoria histórica".

Este programa foi presentado por Anxo Quintana nun acto celebrado na Coruña con representantes do mundo da cultura procedentes de asociacións e entidades do sector de toda Galiza. No encontro atopábanse multitude de persoeiros e caras coñecidas do mundo da literatura, a música, o audiovisual, os medios de comunicación, o patrimonio ou as artes plásticas. Quintana avogou por unha política de "participación" na que os axentes culturais teñan papel protagonista e indicou que "a axenda 2010-2020 temos que facela cos axentes culturais do país" e reclamou un "plan galego de infraestruturas culturais" porque é "importante que a realización non obedeza á impronta localista de ter o auditorio máis grande da comarca, senón á complementariedade".


4,64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: