Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conversas no Cairo (Exipto)

As principais forzas palestinas acordan formar un goberno de unidade nacional

Composto por todas as faccións (máis dunha ducia, presentes nas negociacións), incluídas Hamas e Al Fatah, e provisional até que poida haber eleccións.

Redacción - 13:00 27/02/2009
Qurei e Marouk, esta quinta no Cairo

Qurei e Marouk, esta quinta no Cairo

Un total de 14 formacións palestinas comprometéronse esta quinta feira no Cairo (Exipto) a formar un goberno de unidade nacional antes de finais de marzo, que durará até que se poidan organizar eleccións presidenciais e lexislativas, informan axencias internacionais e medios locais.

O acordo estabelece que o executivo podería estar "conformado por todas as faccións palestinas" ou ser unha "tecnocracia" con representantes de todas as forzas, ou "outra forma de goberno aprobada polos comités".

Crearanse cinco comités ou comisións: unha destinada á formación do goberno de unidade nacional, outra para supervisar os comicios (aínda sen data), outra para estudar a reestruturación da OLP, unha máis para analizar a situación das forzas de seguridade en Cisxordania e Gaza e a última, para estudar todos os aspectos ligados á reconciliación.

As comisións reuniranse a partir do 10 de marzo e o seu traballo terminará cando se completen todos os temas. Tamén se comprometeron a liberar decenas de militantes que están en cárceres palestinos de grupos rivais, tanto en Gaza, controlada por Hamas, como en Cisxordania, administrada por un goberno encabezado polo máximo líder de Al Fatah, Mahmud Abbas.

Valoracións dos participantes
Muza Abu Marouk, líder político de Hamas (islamista) no exilio de Damasco: "Hoxe é o día do comezo da unidade palestina, que vai permitir escribir unha nova páxina na historia".

Ahmad Qurei, ex primeiro ministro e dirixente de Al Fatah (socialdemócrata): "É un día histórico e importante, e pedímoslle a Alá que o tren da unidade continúe pola vía correcta deica o seu destino".

Mustafa Al Barghouthi, secretario xeral de Iniciativa Nacional Palestina (Al Mubadara, 'terceira vía'): "Todas as faccións unidas enfrontaranse a calquera agresión israelí"

Bassam As-Salhi, líder do Partido do Pobo Palestino (PPP, Partido Comunista palestino): "Mudamos da loita polo control ao diálogo".

Abed Ar-Raheem Maluh, vicesecretario xeral da Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP, marxista): "A unidade é a única opción para os palestinos".

Samir Ghusha, secretario xeral da Fronte da Loita Popular Palestina (FLPP, socialista, vinculado a Al Fatah) anunciou que "os comités estudarán todas as opcións o 10 de marzo", respecto ás formas de goberno.

Talal Naji, secretario xeral da Fronte Popular para a Liberación de Palestina-Comando Xeral (FPLP-CX, próximo a Siria, escindidos da FPLP): "A xuntanza é un indicador positivo; máis vale tarde que nunca. A heroica resistencia do pobo de Gaza creou a atmosfera apropiada para que se producise a reunión".

Ziad Nakhalah, vicesecretario xeral da Yihad Islámica (islamista): "As xuntanzas de hoxe supoñen un burato no muro que separa todas as faccións, un novo comezo para solucionar os problemas dos palestinos".

Saleh Ra'fat, secretario xeral da Unión Democrática de Palestina (FIDA, socialdemócrata): "Demos o primeiro paso cara á unidade, remachando co traballo dos comités".

Wasel Abu Yousef, da Fronte de Liberación Árabe (FLA, panárabe, vinculado ao partido Baaz): "Cómpre unha revisión seria da situación (ocupación, asentamentos, muro) que debería incluír unha estratexia nacional para o estabelecemento dun Estado palestino".


4,8/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: