Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
CARLOS PÉREZ, “PERUCHO”

“Levamos anos traballando moi ben coa base”

O campión olímpico de K-2 500 metros augura un gran futuro para o piragüismo do país, malia que á súa xeración aínda lle queda moito que dicir.

Pablo García Martínez - 12:20 05/03/2009
Perucho competindo este ano

Perucho competindo este ano

Vieiros falou con Carlos Pérez Rial, máis coñecido como Perucho, a máis grata sorpresa do deporte galego nos pasados Xogos Olímpicos. O seu inesperado ouro no K-2 500 metros uniuse ás dúas pratas de David Cal e os ouros de Antón Paz e Fernándo Echávarri para pechar os mellores Xogos Olímpicos da historia do noso deporte. Agora Perucho volveu ao seu día a día e aténdenos coa amabilidade que nel é habitual para dar un repaso á situación do piragüismo.

En que mudou a túa vida a medalla de ouro acadada en Beixín?
O cambio principal é que te coñece máis a xente pola rúa, e tamén tes unha maior presenza nos medios de comunicación.

Está Londres 2012 agora no teu horizonte deportivo?
Claro, a longo prazo o meu principal obxectivo é chegar até Londres para loitar alí por outra medalla.

E a curto prazo cales son as túas aspiracións?
Agora Saúl (Craviotto) e eu queremos seguir competindo xuntos seguir traballando no K-2 e este mesmo ano imos participar nos europeos, nos mundiais e nos xogos do mediterráneo.

A que atribúes ti a imaxe de Galiza como unha inesgotábel fábrica de padexeiros e, máis concretamente, a factoría de Cangas do Morrazo á que pertences?
Levamos anos traballando moi ben coa base e o mellor exemplo témolo no CGTD de Pontevedra, onde se fai unha gran labor para que os rapaces saian adiante. No caso de Cangas é unha vila pequena e cando eu era neno elixías entre fútbol e piragüismo, entón fomos moitos os que nos metemos a padexeiros. Despois o traballo ben feito axudounos a progresar.

Catro dos sete padexeiros que levou a selección española a Beixín son galegos e participastes en todas as medallas deste equipo. Non dá este dato para pensar que unha selección galega había ser dura de roer nunha grande competición?
Non teño dúbidas de que ía estar á altura das grandes potencias. Xente como Sonia Molanes, Teresa Portela, David Cal, Borja Prieto ou eu mesmo xunto aos que veñen por detrás, podemos garantir unha selección moi forte.

Que significaría para ti participar nese equipo?
Sería moi bonito competir a nivel internacional. Como selección xa participamos nalgún campionato español onde, a verdade é que levamos moitos anos gañando.

Durante toda a túa carreira destacaches pola explosividade, traballas dun xeito especial a prevención das lesións?
A verdade é que eu tiven sorte e lesioneime poucas veces, pero no que máis traballo é en potenciar os ombreiros, que é a zona dunha maior propensión ás lesións no piragüismo.

Unha pregunta de actualidade para rematar. Que pensas do resultados que nos deixaron as eleccións do pasado domingo?
É un cambio para Galiza e esperemos que, a nivel deportivo, se melloren aínda máis as cousas, porque así sairíamos todos gañando.


3.33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: