Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
MARÍA LÓPEZ, ÁRBITRA DE FÚTBOL

"Sufrimos as de ser árbitra e, por enriba, as de ser muller"

Despois de coñecer o fútbol por casualidade, María medra sen parar no campo até o punto de que xa dirixiu un dos partidos da Irmandiña, o pasado Nadal.

Redacción - 10:00 11/03/2009
Por sorte, cada vez é máis normal ver unha muller arbitrando un partido de fútbol

Por sorte, cada vez é máis normal ver unha muller arbitrando un partido de fútbol

María López Herves ten 23 anos estudou INEF na Universidade de Vigo. Na actualidade está tirando un doutorado e compaxina os seus estudos co traballo como monitora de natación e outras actividades dirixidas no ximnasio municipal de Marín. Chegou á arbitraxe por casualidade pero non para de subir chanzos, chegando o pasado nadal a arbitrar o encontro entre a Irmandiña e Baleares.

Como chegaches á arbitraxe?
No primeiro ano de universidade tiñamos unha cadeira que ía sobre fútbol e alí foi onde comecei a aprender algo deste deporte. Despois apunteime cun compañeiro a arbitrar para apañar así unha bolsa que ofrece a universidade de Vigo. A verdade é que ao principio pouco máis sabía que indicar un saque de banda ou unha falta e a dirección na que se tiña que sacar.

Sufriches moita presión nos teus inicios?
Na liga universitaria non recibía moita presión, cando me entrou un pouco máis de respecto foi cando me federei. Daquela xa me lin o regulamento e a presión que tiña era a de querer facelo ben, que ma impoñía eu mesma. Aínda así, comezamos con fútbol base e acudiamos como árbitros asistentes, entón sentíame protexida por un árbitro principal con máis experiencia.

Recibiches ao longo da túa carreira presións específicas por ser unha muller?
Si, moitas. Ás mulleres tócanos recibir o dobre: levamos as de ser árbitro e, por enriba, as de ser muller. Dinnos auténticas barbaridades. Imaxina o máis feo do que nos poden dicir, pois o que nos toca escoitar nos campos é aínda peor.

Como te consegues afacer a iso?
Afacer non te afás nunca, pero hai que saber levalo e pensas que o estás mirando de facer o mellor posíbel. As dúas cousas que te alivian son saber que, moitas das veces, o que protesta non ten moita idea, e despois o feito de que quen realmente manda dentro do campo es ti.

Pensas que os medios de comunicación contribúen a radicalizar a postura dos afeccionados e as afeccionadas ao fútbol na vosa contra?
O principal erro dos medios é difundir a idea do obvias que resultan as decisións arbitrais, cando eles veno repetido e dende diferentes ángulos. Que se poñan na túa contra ou ao teu carón non o podes mudar, porque cada un ten o seu criterio, o problema é que non reparan no difícil que resulta tomar unha decisión en décimas de segundo.

Hoxe en día unha muller ten máis difícil exercer a arbitraxe que un home?
Non, é cuestión de poñerse. As probas físicas son duras para todos e, en xeral, a formación como árbitro é tan dura para un mozo como para unha moza. Nas categorías máis altas é certo que hai moi poucas mulleres, pero eu atribúo isto ao feito de que, en xeral hai moitas menos mulleres que homes arbitrando.

Que supuxo para ti arbitrar á Irmandiña?
Foi un partido moi importante e resultou todo un honor que me elixiran a min. O meu gran soño sempre foi arbitrar un partido entre o Dépor e o Celta, e despois un da selección. Xa fun xuíz de liña nun partido amistoso do Deportivo e arbitrei a selección feminina, así que imos pouco a pouco.


4,2/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: