Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
JUAN MARTÍNEZ, XOGADOR DO RÁCING

“A xente da canteira somos do equipo a morte”

Na súa terceira tempada en Ferrol e con só 18 anos, este mozo nado en Cedeira xa gaña partidos para o primeiro equipo.

Pablo G. Martínez - 12:00 20/03/2009
Juan Martínez

Juan Martínez

Cando fai tres anos Juan Martínez chegou aos xuvenís do Rácing de Ferrol, procedente do Cedeira, non imaxinaba que a estas alturas ía levar xogados dous terzos dos partidos que van na liga, cun equipo que loita polo ascenso á segunda división. Non só iso, senón que a semana pasada marcou o gol que dou a vitoria ao seu equipo no campo do cuarto clasificado, o Zamora. Juan quítalle importancia e segue apostando polo traballo co equipo, que compaxina cos seus estudos de maxisterio en educación física, na Universidade da Coruña.

Vieiros: Como viviches a túa chegada a un vestiario profesional xa consolidado?

Juan: Foi todo moi ben malia que antes de chegar aquí tiña escoitado que non había moito compañeirismo nestas divisións. Eu recibín dende o primeiro momento moita axuda de todos os que compoñen o Rácing.

E a nivel futbolístico, notaches moito cambio?
O cambio si que é grande pero cando estás rodeado de xogadores de calidade fáiseche máis fácil. Onde máis notei a diferencia foi no ritmo de xogo, que aquí si que é bastante alto.

Chegades á fase decisiva do campionato no voso mellor momento, a só catro puntos dos postos que dan pé a xogar a promoción de ascenso. Como ves ao equipo?
Agora estamos con moitas ganas, coa idea de que podemos estar aí arriba. Até que remate a liga quedan aínda moitas xornadas nas que teñen que vir a Ferrol algúns dos nosos rivais directos e estamos convencidos de que podemos facelo ben.

Cal é a túa quiniela, se che pedimos que repartas as catro primeiras posicións?
Real Unión de Irún, Cultural Leonesa, Rácing de Ferrol e Ponferradina ou Pontevedra. A min, a verdade é que me gustaría que entrara o Pontevedra por ser un equipo galego, pero o máis importante para min é que se clasifique o Rácing.

Ten hoxe a canteira máis peso no Rácing?
Agora estamos tres xogadores que adoitamos vir co primeiro equipo e outros que veñen, pero con menos frecuencia. Penso que este ano estase facendo unha aposta firme pola canteira.

Que aportades, alén das características propias de cada futbolista, os xogadores da canteira aos equipos?
O efecto máis importante é que o empuxe que trae a canteira axuda a que os xogadores do primeiro equipo se poñan ao choio. A xente da canteira somos do equipo a morte e podemos achegar as nosas ganas.

Como compaxinas o fútbol co estudio de maxisterio?
Se queres sempre hai tempo para todo. Ás veces teño que faltar ás clases, e procuro conseguir os apuntamentos, pero o club pórtase moi ben comigo e sempre me me animan a aplicarme nos estudios. Adestramos pola mañá, e entón temos toda a tarde libre.

Cada vez ten maior importancia que os atletas teñades unha formación paralela á deportiva, que vos permita achegarvos máis á sociedade, non cres?
É verdade que, aínda os que conseguen triunfar no fútbol, despois teñen que ter algo para seguir vivindo. Cuns estudos, aínda que che vaia mal no fútbol despois sempre tes algo ao que agarrarte.

Cales son os teus obxectivos para o futuro?
Eu teño que pensar en mellorar e tratar de axudar ao Rácing porque o único no que penso é en axudar a medrar ao equipo e pasar aquí moitas tempadas.

Neses obxectivos podería estar algún día a selección galega?
Faime moita ilusión, pero para chegar alí aínda que me queda moito que mellorar. Está claro que sería un gran pracer xogar algún día coa selección.


4.88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: