Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Á luz do informe da RAG

"Non só hai que mantelo, senón potencialo", recomenda o STEG sobre o decreto da lingua

Dende o sindicato sinalan que han traballar "pola galeguización do ensino" e contra "toda involución lingüística".

Redacción - 14:00 18/03/2009
Dende o Steg tamén critican a demora na saída do estudo da RAG

Dende o Steg tamén critican a demora na saída do estudo da RAG

"Só existen dúas posibilidades para deixar de escribir artigos sobre a nosa lingua nestes termos: a primeira, desexábel, sería que o galego acadase o status de lingua normalizada en Galiza, e a segunda é que vaia esmorecendo paseniñamente o número de falantes ate a súa desaparición. Por desgraza todos os estudos realizados desde a Lei de Normalización lingüística do 1983 apuntan cara o segundo camiño: o camiño do abismo ou desaparición", comezan un seu comunicado os membros do STEG (Sindicato de Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza).

Para este sindicato, a publicación do estudo sociolingüístico da RAG dálle "a razón aos que non pechamos os ollos ante a desaparición da nosa lingua". Ao tempo, critican a demora na súa publicación, cousa que din lles resulta "sospeitosa", despois da "infame campaña" contra o galego.

"O informe da RAG demostra a necesidade non só do mantemento de Decreto, senón do seu potenciamento"
A seguir, lembran que "dende o inicio da democracia" houbo un consenso entre todos os grupos para facer da política educativa "un instrumento para a dignificación do galego", porén, sinalan que o Decreto do Galego só se empregou para converter a lingua "nunha arma política encamiñada a desgastar o bipartito". Tamén fan unha análise do discurso contrario á normalización do galego, para reivindicar que non aceptan que a competencia no emprego da lingua galega se teña que constituír a costa dunha competencia en castelán. Nesta liña, falan dunha "moi necesaria" continuidade do Decreto do Galego, e alén diso, falan do seu tamén preciso "potenciamento".

Nesta liña, sinalan que "o verdadeiro conflito lingüístico está por vir, se o goberno cumpre a súa ameaza de derrogar o Decreto de Galego", mais lembrando que a situación é "sen dúbidas crítica, pero non irreversíbel", chaman a "todos os axentes sociais" a mudala. A seguir, citan os medios de comunicación "que frecuentemente reproducen irresponsabelmente discursos sen contrastalos debidamente coa realidade"; e até o profesorado, do que demandan "un maior compromiso coa situación lingüística do país".


4.5/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: