Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Denuncia presentada en 2005

O eurodeputado Willy Meyer pregunta pola investigación das minas do Courel

O representante español no Parlamento Europeo solicitou coñecer a resposta dadas polas diferentes autoridades do Estado ante os "graves incumprimentos ambientais".

Redacción - 19:25 18/03/2009
Mina de lousa no Courel

Mina de lousa no Courel

O eurodeputado español de Izquierda Unida Willy Meyer presentou esta cuarta feira unha pregunta escrita no Parlamento Europeo dirixida a Comisión (CE) en relación co impacto ambiental das minas de lousa do Courel.

"A CE dirixiu carta de emprazamento ás autoridades españolas, en relación coa irregularidades detectadas en diversas explotacións de lousa situadas na comarca do Courel, zona catalogada dentro da Rede Natura 2000, que visibelmente incumpren a normativa europea en materia de medioambiente", expón no documento, en referencia a varias directivas da UE.

Concretamente, fai referencia a catro minas: "La Campa (que conta con autorización da Xunta de Galicia desde 2007, trámite previo á Licenza Municipal; licenza que aínda non posúe por graves incumprimentos ambientais na súa actual actividade), a Ilusión Fracción II (autorizada en 2006) e as dúas fraccións de Culpa II, na conca do río Lor, que están a afectar un Lugar de Interese Comunitario, o LIC Ancares-O Courel".

"Resposta das autoridades do Estado?"
Meyer solicítalle á CE que informe das conclusións da investigación que dende 2005, cando a asociación local SOS-Courel presentou unha denuncia ao respecto, veu realizando sobre a situación destas canteiras e a súa repercusión sobre o ambiente e a saúde dos seus traballadores.

Ademais, o eurodeputado de IU pide coñecer a resposta dada polas autoridades do Estado (entre estas, a Xunta e a Confederación Hidrográfica do Miño) ao requirimento da CE, e cal son as medidas previstas polo organismo europeo para garantir a protección ambiental e o desenvolvemento sustentábel da rexión.


4.75/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: