Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ELECCIÓNS AO PARLAMENTO DE ESTRASBURGO

BNG e ERC necesítanse o un ao outro para acadar un eurodeputado

A redución de 54 a 50 postos para o Estado Español sitúa o mínimo para acadar unha acta no 1,8% do voto total.

M.S.P. - 10:18 29/03/2009

A pouco máis de dous meses para as eleccións europeas, que se celebrarán o 7 de xuño, o BNG non ten aínda decidido de que xeito concorrerán aos comicios. A opción de repetir a alianza Galeuscat con CiU e PNV parece descartada, en principio, pola escaso interese que esperta na formación catalá. Nas últimas semanas vense falando cada vez con máis insistencia da incorporación do Bloque á coalición liderada por ERC, que en 2004 se presentou baixo a marca de Europa dos Pobos, formada, canda a Esquerra, por Eusko Alkartasuna (EA), Chunta Aragonesista (CHA), Partido Socialista de Andalucía (PSA), Andecha Astur (AA), Conceju Nacionaliegu Cántabru (CNG) e Iniciativa Ciudadana de La Rioja (ICLR). Nesta ocasión, negocia con Partido Socialista de Mallorca, Entesa per Mallorca, Els Verds-Conferederación Ecoloxista de Catalunya e Nova Canarias, unha escisión de Coalición Canaria.

As hipotéticas alianzas que se están a negociar estes meses dependen, máis que de afinidades ideolóxicas, de cálculos electorais, e das opcións de acadar algún eurodeputado. Nesta ocasión, e debido á redución do número de actas correspondentes ao Estado Español de 54 a 50, os deputados están máis 'caros' ca nunca, e calcúlase que será necesario obter cando menos un 1,8% dos votos válidos para ter o primeiro deputado. Ademais, cómpre ter en conta a incorporación de novos partidos, como a UPyD de Rosa Díez. En 2004, o PSOE gañou 23 deputados, o PP 22, Galeusca 2 (os correspondentes a CiU e PNV), IU 2, e Europa dos Pobos 1 (ocupado por ERC).

CiU
Unha parte de CiU (sobre todo os militantes de Unió) descarta repetir a coalición con PNV e BNG por considerar que lle impón unha imaxe de conflito e radicalidade afastada da ideoloxía do seu electorado; de feito, en 2004 CiU obtivo apenas o 17% dos votos en Catalunya, menos da metade do que adoita conseguir nos comicios autonómicos, e ficou en terceira posición, por detrás mesmo do PP. CiU ten garantida a consecución dun eurodeputado cos seus propios votos; e no caso de repetir a coalición, UDC esixiría situar ao seu candidato en terceira posición, por diante do do BNG, ou ben pediría que o segundo posto que obtivese a lista de Galeuscat en Estrasburgo fose compartido por PNV, Unió e BNG. CiU baralla tamén incorporar á coalición a Coalición Canaria e ao Partido Andalucista.

ERC e BNG
Pola súa banda, se ERC repetise os resultados que en 2004 obtivo canda a EA e CHA (2,45% dos votos totais), mantería a súa representación no Parlamento Europeo. Porén, os tres partidos atravesan un mal momento, con pronunciados descensos nos últimos comicios celebrados. Está confirmado que nesta ocasión o principal aliado vasco de ERC será Aralar. Malia o ascenso experimentado pola formación independentista, a coalición Europa dos Pobos non ten garantida a súa presenza en Estrasburgo se ERC non recupera o apoio acadado en eleccións anteriores. Nas eleccións xerais de 2008, entre Esquerra, EA, CHA, Aralar e as coalicións de esquerdas de Valencia e Baleres sumaron o 1,87% dos votos totais no Estado, o mínimo necesario para conseguir un deputado.

Así pois, ERC necesita do BNG para obter un eurodeputado, se finalmente non consegue o apoio de EA e NA-Bai. E o BNG non pode, evidentemente conseguilo en solitario, nin sequera repetindo os espectaculares resultados de 1999, cando recibiu 350 mil votos, un 1,65% do total (no 2004 ficou en 150 mil votos). A entrada do BNG na coalición garantiríalle ao número un de Europa dos Pobos (en principio, un representante de Esquerra) o seu posto en Estrasburgo. O BNG ocuparía o segundo posto na lista, que aínda que non tería opcións de entrar na cámara (sempre que ERC, BNG, EA e Aralar non negocien un sistema de rotación para os seus representantes) posibilitaría que o Bloque mantivese a oficina parlamentario que agora ten en Estrasburgo grazas a CiU e PNV.

A participación do BNG nesta coalición suporía, ademais, un xiro de 180 graos na súa política de alianzas no Estado, enfocada nos últimos dez anos cara ás forzas conservadoras de Euskadi e Catalunya, apostando nesta ocasión polos partidos independentistas e de esquerdas destes dous países.


4,05/5 (22 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: