Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A AELG RECOÑÉCEA COMO 'BOA E XENEROSA'

Homenaxe a Mariví Villaverde, homenaxe á República

O Museo do Pobo acolle o acto este sábado a partir das doce e media. Marga do Val é a encargada de realizar a laudatio.

Redacción - 10:25 28/03/2009

A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebra a sexta edición de 'Os Bos e Xenerosos', recoñecemento anual da figura dun escritor ou colectivo que, pola súa dilatada actividade de intervención social, contribuíse á difusión pública da nosa cultura. Con esta homenaxe, dedicada este ano a Mariví Villaverde, destácase, sobre todo, un compromiso ético coa cultura de Galiza. Con esta sexta edición preténdese poñer de relevo a exemplar traxectoria de Mariví Villaverde, que representa desde o anonimato os exiliados represaliados cuxa memoria cómpre restaurar. Ao mesmo tempo é a xusta homenaxe aos colectivos que traballan na recuperación da Memoria Histórica.

Escritora, tradutora dunha realidade que lle tocou vivir e que converte en maxia literaria. A maxia de legarnos o pasado que non vivimos, un presente no que segue firme e combativa á beira do pobo creativo e honrado e un futuro que se pousará en todo o que dela aprendemos. Mariví Villvarde, lectora adolescente que acompañou as horas no cárcere da súa tía Arxentia, mestra galeguista e republicana, con obras de teatro que foron menciña e alimento. Teatro que vai encher a súa vida no exilio co seu compañeiro Ramón de Valenzuela, con Roberto Villanueva ou Eduardo Blanco Amor. Escriben, adaptan, traducen, representan. Ela é actriz, colaboradora do xornal Galicia, nai e legadora da verdade lexítima republicana, a verdade que herdara do seu pai Elpidio Villaverde, alcalde de Vilagarcía e deputado a Cortes en 1936 e das súas tías rapadas.

Decide levar a súa memoria a un libro e escribe en 1962 Tres tiempos y la esperanza publicado na Editorial Alborada, reeditado por Ediciós do Castro (1987) e nunha versión en galego en A Nosa Terra (2002), ao que a autora lle engade un epílogo e lle devolve ás personaxes os seus verdadeiros nomes. Mariví ábrenos a cancela para entrar na historia das nosas maiores, nesa urdime dun vivir privado e silencioso e na alegría do progreso e da liberdade espallada na area da praia de Compostela. Fainos tremer co terror vivido atrás das portas onde petan tantas veces, coas fuxidas e coas mortes. Entendemos o amor, a lealdade á casa común e o desexo de construir un mundo mellor. Historias de cicatrices que atravesan todas as alfándegas.

Hoxe Mariví Villaverde forma parte do Consello pola Memoria, participa en todos os actos políticos aos que é convidada, en congresos e homenaxes como nas dedicadas a Alexandre Bóveda ou a Lois Tobío. Hai tempo que Ramón faleceu mais ela segue comprometida cos tempos que lle tocou vivir, empeñada en sembrar a dignididade coa que Galiza loitou e defendeu a lexitimidade da República; le, escribe e vai ao teatro. O tempo na súa compaña non transcorre: amiga, boa e xenerosa, ofrécenos a memoria e o seu traballo diario.

Máis información, en Praza das Letras


Ligazóns

4,67/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: