Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
JONATHAN PEREIRA

"O Celta e o Dépor non apostan pola canteira"

O miúdo dianteiro vigués estáse consolidando na primeira división, e os seus 166 centímetros convérteno nun escorregadizo rato ao que as defensas rivais non conseguen cazar.

Pablo García Martínez - 10:00 05/04/2009
Jonathan Pereira coa camiseta do seu actual equipo, o Rácing de Santander

Jonathan Pereira coa camiseta do seu actual equipo, o Rácing de Santander

Igual que antes fixeran outros grandes talentos futbolísticos do país como Nano, Trashorras, Diego López, Rubén ou Borja, este dianteiro vigués decidiu emigrar buscando mellores oportunidades. Con esa idea foi a Castelló de la Plana, e alí fórono moldeando con mimo, como se fai cos roscóns de reis, até darlle a forma daquel xogador que, outra vez máis, equipos como Celta ou Deportivo non terían que deixar marchar. Con só 21 anos estase unindo á revolución dos pequeniños (mide 1,66 metros) que impera na primeira división do fútbol estatal, onde o seu nome xa non resulta raro a ninguén.

No Rácing de Santander estás vivindo o teu primeiro ano con continuidade na primeira división. Que sensacións estás experimentando?

Estou moi contento e fago un balance positivo do primeiro ano enteiro que xogo en primeira. Estou tendo moitos minutos e iso permíteme axudar ao equipo.

Agora estás cedido polo Vila-real e o normal sería que a gran tempada que estás facendo che servira para volver mais nalgúns medios galegos falouse da posibilidade de que remataras xogando, tamén como cedido, o ano próximo no Dépor. Existe esa posibilidade?
En principio eu non contemplo saír cedido outra vez, a miña intención é volver ao Vila-real para quedarme, mais agora só penso en seguir facéndoo ben aquí e rematar o ano forte. Se tivera que saír de Vila-real teño claro que Santander sería a miña primeira opción, porque estou sentíndome moi cómodo aquí. A Coruña é un bo destino, pero hai outras opcións antes.

Ti xogaches no Celta e despois no Santa Mariña mais finalmente remataches emigrando, igual que fixeron outros como Trashorras, Iago Falqué ou Diego López. Os equipos do país non apostan pola canteira ou o futbolista galego apúrase a marchar?
No meu caso a clave está en que as instalacións que teñen o Celta ou o Dépor non teñen nada que ver coas do Vila-real. Estes equipos non coidan a canteira e se fóra nos ofrecen mellores condicións os xogadores imos marchar. Non ten nada que ver as posibilidades que eu vía no Celta coas que me atopei en Castelló, e non falo só de fútbol, senón tamén de outros aspectos como as facilidades que nos dan para que nos formemos.

Que sensación experimentaches hai dous anos cando saltaches a Balaidos coa camiseta da Irmandiña?
Para calquera xogador é especial saír a un estadio cheo cantando o himno da selección galega, e representar a Galiza sempre é algo importante. Ademais non xogabamos contra calquera equipo, senón contra rivais mundialistas. Hai que desfrutalo, porque estás na túa terra, e intentar gañar pola afección que te apoia.

A que equipo che gustaría enfrontarte en próximos partidos?
Portugal, porque son veciños e sempre estiveron moi presentes na nosa historia.

Malia madurar como futbolista fóra supoño que seguirás a algúns dos xogadores que, contigo, poden converterse en referentes para o fútbol galego no futuro. Que nomes destacarías?
É difícil falar diso, pero agora o nome que me vén á cabeza é o de Adrián López, o central do Deportivo. Penso que se vai facer cun posto fixo no equipo e vaise converter nun referente. É un xogador que leva moitos anos nas categorías inferiores do equipo e teñen que coidalo e saber que o vai dar todo polo seu club. Espero que sexa un dos referentes do fútbol galego nos vindeiros anos.

Outro dos nosos xogadores que está de moda é Diego López, que acaba de ser chamado por primeira vez pola selección estatal. Gustaríache seguir os seus pasos aquí no futuro?
Penso que é o máximo ao que aspira calquera xogador. Estou tendo a sorte de ir coa selección española sub.21 e ir coa absoluta sería un soño cumprido.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: