Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XUNTANZA, ESTE SÁBADO EN ARTEIXO

Gato aposta por crear un novo partido trala sentenza que o expulsa de Terra Galega

O ex alcalde de Narón di que non recorrerá a decisión xudicial que lle dá a razón a Pablo Padín.

Redacción - 11:55 28/03/2009

O Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Santiago de Compostela desestimou a demanda presentada por un sector de Terra Galega, o liderado por Xoán Gato, contra a parte do grupo que protexía ao presidente do partido, Pablo Padín. A xustiza avala así os acordos tomados no Congreso Político que a formación celebrou en Compostela o 12 de xullo do pasado ano. Entre os acordos que entran en vigor está a expulsión do partido de catro integrantes do mesmo: Xoán Gato, Guillermo Sánchez Fojo, Luís Calvo e Anxo Rodríguez.

Gato manifestou que a súa intención é non recorrer a sentenza, para así zanxar definitivamente o asunto: "non podemos continuar así, e tampouco podemos defraudar a eses máis de 18.000 votantes que tivemos nas autonómicas, polo que a miña alternativa é buscar unhas siglas que se adapten un pouco a nós para refundar un partido nun gran Congreso que se celebraría dentro duns meses", explicou Gato.

A decisión tomarase este sábado nunha xuntanza que Gato e os seus seguidores manterán a partir das once da mañá no Hotel As Viñas de Arteixo. A reunión xa estaba prevista como encontro provincial do partido, pero agora servirá ademais para tomar unha decisión sobre o futuro de Terra Galega. A sentenza outorga a presidencia de TEGA a Pablo Padín; a secretaría xeral e representación legal do partido ao edil cedeirés Xermán Tobío; a vicepresidencia a Roberto González e María José Doce e a secretaría de economía a Alfonso Elías. Porén, os principais cargos institucionais do partido, como o alcalde de Narón, Xosé Manuel Blanco, o de Neda, Ignacio Cabezón e a de Valdoviño, Isabel Álvarez, apoian a Xoán Gato.

Mantense a imputación polo 'Caso Odeón'
O xuíz mantivo onte as imputacións por delito de prevaricación urbanística contra Xoán Gato e Xosé Manuel Branco, o seu substituto na alcaldía de Narón. Ambos os dous declararon ante o instrutor da causa polo caso Odeón, o complexo comercial instalado na parte naronesa do polígono da Gándara. Gato cargou reiteradamente contra os denunciantes, sobre todo contra o BNG, porque, dixo, os seus edís, que compartiron nalgún momento goberno con el, aprobaron en todos os trámites administrativos realizados (comisión informativa, comisión de goberno e pleno) os proxectos de Odeón. Por iso viu intencionalidad política na acción penal. Até no ritmo da tramitación porque os informes técnicos da Xunta fóronse coñecendo "sempre", insistiu, ao socaire do calendario político.


4,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: