Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O BNG VE "ANOMALÍAS EVIDENTES" NO PROCESO

Para Bieito Lobeira "algo cheira" na causa do Prestige

Denuncia que o auto se asenta no informe dun perito que carece da titulación exixida e que ademais asesorou ao goberno durante a catástrofe.

Redacción - 16:14 28/03/2009

O Bloque Nacionalista Galego fixo este sábado un chamamento á sociedade para que estea "atenta" á causa xudicial sobre o Prestige e xustificou esta "alerta" pola existencia de "anomalías evidentes" no proceso. Para Bieito Lobeira, "non é normal" que a maxistrada encargada do caso Prestige exculpe "alegremente" ao ex director xeneral da Mariña Mercante, José Luís López Sors.

Lobeira cre que a xuíza Carmen Veiras "se extralimitou nas súas funcións" e denuncia que o auto se basea no informe pericial de Santiago Martín Criado, malia que este asesorou ao Ministerio de Fomento durante a catástrofe do Prestige. Isto "debería levar á inhabilitación" do perito, segundo Lobeira, quen tamén se referiu á preparación de Martín Criado para elaborar devandito informe (é enxeñeiro naval, non capitán da Mariña Mercante) para concluír que a súa achega é "máis que cuestionábel".

En consecuencia, o parlamentario nacionalistasuxeriu que "algo cheira" no proceso do Prestige e, como posíbel explicación, aludiu ao feito de que a maxistrada encargada do caso estea casada cun concelleiro do Partido Popular na Coruña. Aínda que matizou que ao BNG "non lle corresponde" tomar ningunha decisión sobre esta vinculación, avisou de que a lei prevé "unha serie de incompatibilidades". Lobeira preguntouse "até que punto poden influír" os "lazos" da xuíza co PP, a "única razón solvente" que, segundo o nacionalista, pode explicar o "escandaloso" auto xudicial.

Ante este escenario, Lobeira apoiou o recurso que a plataforma Nunca Máis presentará o vindeiro luns e instou á xustiza a "recapacitar" sobre a súa postura. "Non ten que defender ao Estado español senón buscar a verdade", dixo.


4.18/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: