Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
EMMA PEDREIRA

"Xoguetes Póstumos é curiosamente o libro menos erótico de todos os que escribín"

Gañou o Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas co libro, que será publicado nos vindeiros meses.

Redacción - 10:00 31/03/2009

"Quizais non pode haber literatura erótica galega, como aínda non hai ciencia ficción galega. Non están desenvolvidos completamente todos os subxéneros", di. Emma Pedreira sabe moito de poesía erótica; a carga de sensualidade e carnalidade na súa poesía foi sempre moi forte, aínda que non se lle apuxese necesariamente esa etiqueta. O seu poemario máis recente, Xoquetes Póstumos, entra en principio nesa categoría, pois de feito gañou o pasado novembro a terceira edición do Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas. Porén, para Emma Pedreira, é "o menos erótico" de todos os libros que escribiu.

Xoguetes Póstumos publicarase nos vindeiros meses. Está dividido en catro partes, cada unha dedicada a unha estación, e ademais do contido erótico, o gran protagonista é o mar. Di que escribe "porque non hai mellor forma de pintar". "Fixen fotografía, pintei, aprendín a bailar..., pero a escritura paréceme a forma máis natural, a máis automática, de expresarme. Pero dicir que prefiro escribir e argumentar por que, é como explicar por que prefiro camiñar a nadar", explica.

A literatura erótica galega segue sen ter unha produción salientábel en cantidade e calidade, en comparación con outras literaturas e con outro xéneros. "Falta quizais definir a maneira en que queremos tratala", cre Emma Pedreira, "na poesía achegámonos ao erotismo con máis sutileza. Na narrativa parece que é máis difícil e que se te pasas un pouco pódese chegar á pornografía. Quizais aínda non estamos preparados, quizais non pode haber literatura erótica galega, como aínda non hai ciencia ficción galega. Non están desenvolvidos todos os subxéneros".

Foi encadrada en distintas etiquetas, comezando pola 'xeración dos 90' e tamén no 'grupo de poetas novas' que se deron a coñecer á metade da pasada década. "As xeracións están ben, esas marcas cronolóxicas. Hai un punto de partida e hai un final, aínda que eu considero que a literatura é un continuo. Para nós tivo o valor da descuberta e temos que dar as grazas. De todos os xeitos síntome máis cómoda coa etiqueta de 'poetas dos 90', porque remite á xeración dos oitenta, que é con quen me formei, ca a etiqueta de 'poesía de muller'".

Hoxendía non se aplican etiquetas tan marcadas ás novas xeracións de poetas. "Pasados os anos anos noventa, houbo un silencio moi pronunciado, con premios desertos e libros que non saíron á rúa. Isto non favoreceu a posibilidade de lanzar ou de visibilizar a unha nova xeración de autores que seguise ao grupo dos noventas, que fixera cousas importantes", di Emma Pedreira, que con todo considera que "de todos os xeitos, nisto das xeracións, ás veces as agrupacións cronolóxicas non son moi exactas; polo seu estilo Daniel Salgado ou Xia Arias non poden ser considerados menos da xeración dos noventa ca eu mesma", di. Entre os poetas máis novos, Pedreira destaca a Berta Dávila, Antía Otero, Mario Regueira ou Iolanda Zúñiga, "poetas que están experimentando sen chegar a ser rupturistas".

Emma Pedreira traballa na actualidade en dous poemarios, "quero que sexan diferentes ao que escribín antes, pois neste tempo madurei como persoa, lin máis, vivín máis, e quero que se note".


4,33/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: