Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
O CCG ORGANIZARÁ UN CONGRESO INTERNACIONAL

O 2010 será o 'Ano Seoane'

O encontro coincidirá co centenario do nacemento do pintor. O Consello da Cultura tamén publicará as cartas enviadas e recibidas polo exiliado.

Redacción - 18:35 30/03/2009

O Consello da Cultura Galega organizará en 2010 un congreso sobre a figura e o legado cultural e artístico de Luís Seoane ao cumprirse o centenario do seu nacemento. Con tal motivo publicará tamén o epistolario emitido e recibido polo ilustre exiliado republicano e galeguista. Ademais, o vindeiro 5 de abril cúmprense trinta anos do seu pasamento, que se produciu en 1979 na Coruña, onde regresara do seu exilio poucos anos antes. No seu programa electoral o BNG levaba a proposta de declarar oficialmente o 2010 como 'Ano Seoane'.

O presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, atópase precisamente en Arxentina, onde nos vindeiros días participará nun bo feixe de actos, comezando este luns cunha conferencia sobre o pintor no Centro Galego de Bos Aires. Nun texto titulado 'Luís Seoane e cultura galega en Bos Aires' Villares subliñará a especial proxección deste creador como "pintor, deseñador, escritor e promotor cultural de gran relevancia para a cultura arxentina, pero tamén para a galega europea, que con Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Arturo Serrano-Plaja, Otero Espasandín e Rafael Dieste, constituíron un equipo de traballo que marcou a industria editorial, o deseño gráfico e a crítica literaria de Bos Aires durante mais dunha década".

Esta mesma semana Villares ofrecerá outra conferencia, desta vez sobre o historiador arxentino José Luis Romero e a súa relación con Seoane. Ademais, clausurará unha exposición no propio Centro Galego e inaugurará a mostra 'O sorriso de Daniel'. Así mesmo, presentará os libros Las migraciones españolas a la Argentina. Variaciones regionales (siglos XIX y XX), Ramón Otero Pedrayo: Galicia e Europa. Bos Aires 26 de xullo 1959 e Los gallegos en el imaginario argentino. Literatura, sainete y prensa.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: