Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ACTOS EN OURENSE

50 anos de 'Esmorga'

González Tosar, Víctor Freixanes, Forcadela e Díaz Pardo participarán nunha mesa redonda, e o Concello convida a facer o roteiro da novela.

Redacción - 11:08 03/04/2009
Primeira estación do roteiro da Esmorga

Primeira estación do roteiro da Esmorga

O 3 de abril de 1959 publicouse en Bos Aires A Esmorga; foi na Editorial Citania, grazas ao impulso de Luís Seoane, que tamén ilustrou esta primeira edición da novela. As aventuras do Bocas, Cibrán e o Milhomes sorprenderon pola súa estrutura, e converteron A Esmorga, aínda hoxe, nunha das grandes obras da literatura galega de todos os tempos.

Para conmemorar a data a Deputación de Ourense e o Pen Clube de Galicia organizan a partir das oito e cuarto un acto no Edificio Simeón da cidade, no que participarán o presidente Luís González Tosar, Manuel Forcadela, Víctor Freixanes, Isaac Díaz Pardo e José Luis Baltar. Pola súa banda, o Concello de Ourense tamén celebra o medio século da publicación da obra organizando, a partires das 11.00 horas, un percorrido polo roteiro de A esmorga. O roteiro discorre polos principais enclaves da cidade que aparecen no libro de Blanco Amor e foi creado hai anos polo Clube Alexandre Bóveda.

No seu blog a Editorial Galaxia salienta que "Aínda hoxe A Esmorga sorprende. Por como está escrita. Pola súa estrutura interna. Pola voz dos personaxes, incluso dos que non teñen voz. Pola temática escollida. Polo xeito de amosar un mundo, un universo, as almas e as vidas. Literatura con L grande. Un clásico (...) A opinión, insistimos, é unánime: A Esmorga é unha das cousas máis importantes que lle sucederon á nosa cultura".

Comezo do Capítulo 1 da novela
-
-Non señor, non lle foi eisí como está nise papel que leron, que os papeis teñen conta do que lle poñen enriba, anque non foi moito o que entendín. Eiquí, o siñor, bulía moito a ler, e a máis diso non estamos moi afeitos a ouvir ler en castelán, que eiquí non o falamos; e cando un que non sexa señorito se bota a falalo, decímoslle que fala castrapo... Pro, con todo, non foi eisí anque o diga a Guardia Civil, a tía Esquilacha ou o sulsuncordia, con premiso da súa cara. Nin do escomenzo das cousas, nin do que veu dimpois nin do remate, ninguén sabe nada porque ninguén viu nada, ou si o viron non repararon, que unha cousa é vere e outra reparare.


4.88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: