Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN BAIONA

Comeza a exhumación na Volta dos Nove, a matanza nunca esquecida

Cada 15 de outubro, nove cruces pintadas recordaban aos nove fusilados polos franquistas sen xuízo nin delito recoñecido.

Redacción - 19:25 08/04/2009

Felicísimo, 44 anos e mariñeiro de Panxón. O Ghonda, 36 anos e labrador da Ramallosa. O Lijó de Corrubedo, mariñeiro en Bahíña. O Rei Quiquito, 47 anos e mariñeiro tamén de Panxón. Fidel, 51 anos, e mariñeiro de Baiona, como O Pelonio, que contaba 45. O Ferreiro do Burgo, 30 anos e mecánico de Bahiña. Generoso, de 37, mariñeiro. E Manuel Aballe, outro mariñeiro. Estes son os nomes dos represaliados que 73 anos despois continúan na memoria dos veciños de Baiona.

Pasaron sete décadas, mais chegou o momento de exhumar a foxa da Volta dos Nove na procura dos seus restos, unha tarefa reclamada por familiares que mantiveron até hoxe viva a súa memoria. Este mércores comezaron, finalmente, as tarefas de localización e identificación dos restos destes desaparecidos pola represión franquista durante a Guerra Civil. O traballo, coordinado pola Consellaría de Cultura, estano levando a cabo equipos profesionais de arqueólogos.

Os nove, na memoria
Sen máis delito que seren membros de sindicatos agrarios ou mariñeiros, os nove homes foron asasinados en vinganza da morte dun garda civil a mans de dous republicanos que defendían a súa vida. Así o contan os vellos, quen recordan aquel 15 de outubro de 1936. A represalia tiña que ser sonada, así que os falanxistas achegáronse até o cárcere de Baiona e escolleron a nove homes, aos que levaron ao seu último "paseo". Cos ollos vendados, nunha das curvas da estrada de Baredo, fixéronos desfilar e déronlles morte. Dende entón, aquel punto pasou a chamarse a Volta dos Nove e, malia os intentos de silenciar a matanza, cada aniversario nove cruces pintadas recordaban o acontecido. Desta volta, os teimudos esforzos dos veciños foron os que conservaron até hoxe o recordo daqueles nove que, como tantos outros, quedaron nas cunetas e foxas do país.


Ligazóns

4.78/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Homenaxe co motivo do 70 aniversario do asasinato dos Nove de Baiona

As nove cruces na súa memoria aparecían cada 15 de outubro
As nove cruces na súa memoria aparecían cada 15 de outubro