Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
CRÓNICA DENDE BOS AIRES

Os galegos no imaxinario arxentino: "Este é un libro de investigación e tamén de militancia"

Presentouse este mércores en Bos Aires o libro 'Los "gallegos" en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa'.  Unha crónica de Débora Campos.

Débora Campos - 20:30 11/04/2009
María Rosa Lojo e Ramón Villares (clique para ampliar)

María Rosa Lojo e Ramón Villares (clique para ampliar)

"Este libro evidencia un gran proceso de investigación sobre un clixé que, ollado de perto, ten moitos máis matices do que semellaba", explicou o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, ao presentar, na cidade de Bos Aires, o libro Los gallegos en el imaginario argentino. Literatura, sainete, prensa (Os galegos no imaxinario arxentino. Literatura, sainete, prensa), un volume que recolle a pescuda dos investigadores María Rosa Lojo, Marina Guidotti e Ruy Farías, que se mergullaron na fundación e consolidación da imaxe dos galegos que aínda pervive na Arxentina.

"Dende que o profesor e historiador Xosé Manoel Núñez Seixas publicou o libro O inmigrante imaxinario abriuse un espazo de investigación que é o que percorre este novo libro", apuntou Villares. Ademais, o titular do CCG explicou que o traballo de Lojo, Guidotti e Farías foi acompañado e alentado polo Arquivo da Emigración Galega e pola Fundación Pedro Barrié de la Maza, dentro da súa colección Galicia Exterior.

Unha minuciosa observación da literatura arxentina, o sainete e a prensa
Los gallegos en el imaginario argentino baséase en observar a literatura arxentina, no sainete e na prensa, para analizar como nestes ámbitos se foi dando conta das actividades dos galegos e das galegas que chegaban á Arxentina e como, dese xeito, se foi tecendo tanto o estereotipo positivo como o negativo respecto deles. Aínda que a colectividade galega é unha das máis importantes que chegou e pervive no país austral, e hai quen contabiliza que neste momento máis de 5.500.000 persoas teñen algún galego emigrado na súa historia familiar recente, había até o de agora unha abraiante carencia de estudos específicos sobre como este colectivo foi representado. Nese contexto o catedrático Xosé Manoel Núñez Seixas alentou a María Rosa Lojo a investigar como foran tratados os galegos na literatura, na prensa e na literatura chamada de cordel ou popular. Aquí está a orixe deste volume.

A idea xurdiu das conversas de María Rosa Lojo con Xosé Manoel Núñez Seixas
"Disque das grandes crises xorden das oportunidades e neste caso é así: as primeiras conversas con Núñez Seixas tiñan como pano de fondo a grande desfeita dos anos 2001-2002 neste país" -lembrou Lojo diante dunhas 200 persoas que se deron cita na Universidade de Ciencias Sociais e Empresariais (UCES)-. "O destronamento foi unha boa ocasión para ollar cara atrás e buscar unha explicación. Porque nese momento tan caótico, os galegos aparecían como un referente moral perdido".

Segundo Lojo, a pescuda protagonizada por ela e por Guidotti e Farías permitiu descubrir "todo un mundo". A integrante do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas (Conicet) e autora de máis dunha ducia de libros de narrativa, explicou que na primeira literatura arxentina xa existen os chistes de galegos "aínda que moito mellores, graciosos e sen o salvaxismo que vemos hoxe", detallou.

O traballo ofrece tres ámbitos de análise: os galegos na literatura arxentina, os galegos representados nas pezas teatrais (encomendado á profesora de literatura Marina Guidotti de Sánchez) e os galegos na mítica revista Caras y Caretas (nas mans do historiador e doutorando pola Universidade de Santiago de Compostela Ruy Farías).

Así, mentres no sainete se poden ver personaxes máis complexos do que se cre, na revista Caras y Caretas reprodúcense as variadas actividades políticas e culturais da colectividade galega.

"Somos os tres autores militantes que buscamos homenaxear os nosos devanceiros"
Pola súa banda, Lojo percorreu exemplos de autores arxentinos que abordaron a temática galega con forte interese: dende Ricardo Rojas e Roberto Arlt, até a actualidade de Guillermo Saccomanno ou Juan Sasturain, pasando por Cortázar: "Aínda que estivo casado cunha galega (Aurora Bernárdez), e foi amigo do poeta Francisco Luis Bernárdez, Cortázar non foi quen de plasmar na súa literatura a complexidade do mundo dos fillos de Galiza. Nas súas novelas e contos sempre atopamos os oficios tradicionais e a imposibilidade de evidenciar o riquísimo mundo intelectual galego", analizou a investigadora.

Por iso, rematou dicindo que, se cadra, ese é o desafío dos escritores da actualidade: "Este é, certamente, un libro de investigación pero tamén é un libro de militancia: somos os tres autores militantes que buscamos homenaxear aos nosos devanceiros e a súa herdanza de creatividade e de laboriosidade. Eses devanceiros que co seu espírito innovador se lanzaron ao mar e crearon aquí un mundo".


3.67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unhas 200 persoas asistiron á presentación, na Universidade de Ciencias Sociais e Empresariais (UCES)
Unhas 200 persoas asistiron á presentación, na Universidade de Ciencias Sociais e Empresariais (UCES)
Os autores: María Rosa Lojo, Marina Guidotti de Sanchez e Ruy Farías
Os autores: María Rosa Lojo, Marina Guidotti de Sanchez e Ruy Farías
Os autores María Rosa Lojo, Marina Guidotti de Sanchez e Ruy Farías xunto con Ramón Villares
Os autores María Rosa Lojo, Marina Guidotti de Sanchez e Ruy Farías xunto con Ramón Villares
O actor Eduardo Blanco asistiu á presentación e saudou ao presidende do CCG e a súa dona
O actor Eduardo Blanco asistiu á presentación e saudou ao presidende do CCG e a súa dona
O presidende do CCG, Ramón Villares / Imaxes: Débora Campos
O presidende do CCG, Ramón Villares / Imaxes: Débora Campos