Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
M. GALCERÁN, CATEDRÁTICA DA COMPLUTENSE

"A ausencia de debate sobre Boloña é unha carencia democrática"

Pechou a sesión do xoves da Semana de Filosofía de Pontevedra pedindo "máis tempo" para negociar a aplicación do plan.

M.S.P. - 09:00 17/04/2009

"É o momento do debate e non dos expedientes. Iso é o que os estudantes reclaman e o que xa non pode demorarse. Por iso é preciso que nos tomemos o tempo que faga falta antes de que sexa demasiado tarde". A catedrática de Filosofía da Universidad Complutense de Madrid, Montserrat Galcerán, cre que aínda hai tempo para reconducir algúns elementos do Plan Boloña: "É un plan que contén liñas xerais, que se poden aplicar de distinta forma en cada país; por exemplo, pódense cobrar os créditos de máster ao mesmo prezo que os de grado". En calquera caso, Galcerán pide que se atrase a posta en marcha do plan "un ano, para negociar e reconsiderar algúns dos seus puntos".

Galcerán é moi crítica, así mesmo, con que a única resposta do Goberno ás críticas realizadas pola comunidade universitaria sexa unha campaña de comunicación e non a apertura dun debate: "Unha campaña de comunicación supón que as decisións xa están tomadas e son correctas; o que falla é a 'comunicación' ou sexa que aqueles que deben sufrilas estean de acordo con elas; é un procedemento radicalmente tecnocrático e despótico, mentres que abrir un debate implica que se é consciente dos problemas e que se quere resolvelos por medio de acordos, recoñecendo os argumentos das outras partes".

Sobre o novo ministro de Educación, Ángel Gabilondo, ex presidente da Conferencia de Reitores, Galcerán valora que é "un home de universidade e coñece o medio", e cre que cando menos estará máis disposto a abrir un diálogo sobre a aplicación do plan. O propio Gabilondo manifestouse en máis dunha ocasión de forma crítica con Boloña e afirmou, por exemplo, que "non somos adestradores profesionais nin o noso único obxectivo é capacitar para producir". En calquera caso, do que se felicita a catedrática é de que as universidades volvan depender do Ministerio de Educación e non do de Ciencia e Innovación.

A xornada do venres
Montserrat Galceran pechou a sesión do xoves da Semana de Filosofía de Pontevedra, que este venres chega á súa derradeira xornada. Polo Centro Social Caixanova de Pontevedra pasará Pedro Garía Olivos, que ofrecerá a conferencia 'O sistema educativo elitista occidental: adestramento e venda subliminal de valores'; a seguir, chegará a mesa redonda 'Educación en condicións difíciles', con María J. Cortiñas e Eva López e a sesión de clausura a cargo de Marta Harnecker, unha das principais investigadoras e divulgadoras das experiencias de transformación social do continente americano.

Harnecker foi asesora do goberno cubano e na actualidade reside en Venezuela, onde traballa co goberno de Chávez. É autora de máis de 70 libros, o máis coñecido de todos é Os conceptos elementais do materialismo histórico, publicado en 1969, e que conta con 63 edicións. Desde os anos oitenta dedica gran parte do seu tempo a escribir libros sobre as experiencias guerrilleiras de Centroamérica e Colombia, por exemplo Facendo camiño ao andar, que reúne experiencias de varios gobernos locais de participación popular en América Latina. Outra das súas obras máis coñecidas é Facendo posíbel o imposíbel: A Esquerda no Limiar do Século XXI.


4,64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: