Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
XOSÉ LUÍS TORRADO, 'O BRUXO'

"Estase fracasando claramente no tratamento dos deportistas"

Cinco Xogos Olímpicos e outras moitas competicións internacionais fan deste terapeuta naturalista unha voz autorizada no eido da prevención e tratamento no deporte.

Pablo García Martínez - 19:15 24/04/2009
José Luís Torrado, nunha imaxe de arquivo

José Luís Torrado, nunha imaxe de arquivo

Despois de adicarse durante máis de 40 anos á recuperación e tratamento de deportistas, José Luís Torrado (O Seixo, 1931) ve dende fóra os avances que se están facendo no eido da medicina deportiva. Unha longa traxectoria na que tratou a equipos como o Real Zaragoza, OAR Ferrol, Teucro, Breogán, e deportistas de outras disciplinas como o atletismo ou o boxeo. Os seu métodos naturalistas abraiaron case tanto como os espectaculares resultados que conseguiu, e que o levaron a formar parte do corpo médico do equipo español en cinco Xogos Olímpicos.

Torrado critica os actuais métodos de tratamento dos deportistas, e di que "dáme pena ver agora que Barcelona ou Real Madrid teñen a xogadores parados un mes recuperándose dunha rotura fibrilar cando eu recuperábaos nunha semana". Afondando na causa destes problemas defende que "está claro que se están equivocando, porque cos medios que hai actualmente os deportistas non poden ter ese tipo de lesións. Poden romper unha perna e contra iso non hai nada que facer, pero non acepto que estean todos rotos como acontece no deporte de hoxe".

Acénde falando da abundancia de lesións na elite, e da como explicación unha falta de particularidade no tratamento. Así, explica que "non pode ser que os 11 xogadores dun equipo de fútbol fagan o mesmo quecemento, porque o corpo de cada un ten as súas peculiaridades". Tamén critica a dinámica dos adestramentos nos equipos de elite onde non se ten en conta o estado de cada deportista: "un preparador ten que chegar ao vestiario e ver como está cada persoa, porque igual un foi de carallada o día anterior e en vez de correr 20 voltas só pode correr cinco. Nese caso ten que correr cinco e o que non pode facer o equipo é poñelo a correr 40 como castigo porque aí o seu corpo sofre".

Da súa longa experiencia deportiva (non só se adicou á práctica deportiva e foron moitas as persoas que acudiron a el na procura de axuda, como foi o caso de Manuel Fraga) resalta o labor feito durante case 10 anos no Real Zaragoza. Foi nos anos 70, e conta que "traballamos con xuvenís e tamén co primeiro equipo formando un grupo do que chegaron á primeira división 14 xogadores". Mais cando fala o corazón no canto da cabeza lémbranos o caso do OAR Ferrol, onde lembra que "eramos unha familia, algo fóra do normal, e a nivel físico acadamos grandes resultados porque me deixaron traballar libremente, que non é algo fácil de acadar".

Torrado volve a criticar con dureza a situación actual da planificación deportiva cando defende que "hoxe con tanta máquina e tanto conto non se está conseguindo nada e isto parece que vai máis para atrás que para adiante. Porque non é normal que as enfermerías dos equipos importantes estean cheas de xogadores con lesións musculares". Calibra o peso das súas palabras e recondúceo cara a unha crítica con vontade construtiva cando afirma que "eu non vou contra ninguén, só falo de resultados".


4,88/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: