Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
DAVID GARCÍA, CICLISTA DO XACOBEO

“Fálase moito da afección vasca, pero eu xa sentín ao meu carón a marea galega”

O de Marín trouxo as primeiras dúas vitorias do ano para equipo profesional galego, e pretende dar continuidade no Giro ao seu bo estado de forma.

Pablo García Martínez - 19:20 27/04/2009
David García

David García

David García Dapena (Marín, 1977) é unha das principais espadas coas que conta Álvaro Pino no Xacobeo Galicia. Despois de oito anos no ciclismo profesional portugués recibiu unha apetecíbel proposta para subirse ao primeiro barco que parte de Galiza no mundo do ciclismo profesional, ocupado ademais por mariñeiros do país. Neste inicio de tempada está sendo o corredor máis destacado do equipo, e a posíbel baixa de Mosquera no Giro permitiríalle ceibar polas estradas italianas esa voraz fame de vitorias que caracterizan a carreira deste excelente chegador, que sen ser un mal escalador destaca máis nas etapas de media montaña.

Vieiros: Nas últimas semanas comezaron a chegar os bos resultados do Xacobeo e moitos acadáchelos ti. Planificastes o ano para comezar a apañar agora os froitos do traballo ou as cousas tardaron en funcionar como agardabades?

David García: A verdade é que se agardaba algo máis dos que tiñan que comezar forte o ano, xa que tendo o Giro no mes de maio reservamos o pico de forma dos líderes para esta competición. O que está claro é que se estás forte en febreiro non podes volver a estalo en maio. Segundo se acerca o Giro melloran os resultados do equipo.

En concreto ti acadaches a primeiras dúas vitorias. En que estado de preparación física te atopas actualmente?
Se agora mesmo non estou ao 100% estou moi perto. Preparei a tempada para ter dous momentos bos, que son o Giro e a Vuelta. Agora estou nun deses momentos doces fisicamente e espero prolongalo durante o Giro, aínda que non sei se conseguirei levalo até o final da carreira, porque unha volta de tres semanas faise longa. Despois descansarei algo máis dunha semana no mes de xuño e a continuación tocará volver ao traballo para preparar a Vuelta.

Pensas que a posíbel baixa de Ezequiel Mosquera vai producir un cambio de roles dentro do equipo que leve Álvaro Pino ao Giro d´Italia?
Non vai haber un cambio de roles, porque tanto Veloso como eu imos asumir o mesmo papel que tiñamos asignado se Ezequiel fora loitar pola xeral, ca diferenza de que agora imos ter total liberdade. Sendo realistas non imos conseguir estar cos de adiante con tanta alta montaña, e rematar 12º ou 15º da xeral non lle vale de nada ao equipo. O que vai a cambiar é esa liberdade da que falabamos, que imos mirar de usar para deixarnos ver nas etapas e gañar, como mínimo, unha. Con respecto a Ezequiel temos que ter claro que aínda que remate chegando a tempo á carreira non vai facer milagres porque leva oito días sen saír á estrada e eu sei que el é un ciclista que precisa machacarse para dar o mellor.

Tiveches algunha dúbida cando che ofreceron involucrarte no proxecto que entón recibía o nome de Karpin Galicia?
Vino claro porque levaba oito anos no ciclismo portugués e xa estaba un pouco acomodado. Daquela chegou a proposta dun equipo galego que, ademais, ía participar nas voltas máis importantes do mundo e non tiven ningunha dúbida.

A creación do equipo profesional galego foi unha conquista para o ciclismo do país. Pero, a partir de agora que?
En primeiro lugar temos uns obxectivos como equipo profesional que son acadar bos resultados e deixarnos ver nas carreiras para que os patrocinadores sigan interesados en nós. Despois temos outra función fundamental que é traballar co ciclismo de base, colaborando coa Fundación Ciclismo Galego. Polo que falei co presidente da federación estase producindo un importante aumento do número de licencias dende que existe o Xacobeo. Isto ten a súa explicación en que nós permitimos que os rapaces teñan unha ilusión que non había antes: ven a posibilidade de dar continuidade á súa carreira. Xente como Ezequiel, Veloso ou eu tivemos a sorte de atopar un sitio fóra, pero moitos da nosa xeración quedaron no camiño.

Con que resultados conta o Xacobeo para esta tempada?
Os resultados do ano pasado foron moi bos, e máis aínda se temos en conta que en moitas das carreiras competimos cos mellores equipos do mundo. No 2008 puxemos o listón moi alto e eu xa me conformaría con repetir este ano os mesmos resultados. Confiaba en que Ezequiel tivera posibilidades de estar no podio do Giro, porque é unha carreira dura que se adapta ás súas condicións e, ademais, favoreceríao a climatoloxía. Aínda así penso que o equipo vai facer unha boa tempada.

Hai dentro do cadro de ciclistas unha unidade de veteranos e outra de mozos máis novos que van gañando protagonismo. Que corredores pensas que nos van sorprender este ano?
Un dos que está máis forte é Gonzalo Rabuñal, que xa acadou o ano pasado resultados moi interesantes na Volta a Asturias, e este ano gañou o gran premio da montaña na Volta a Turquía. Outro cun gran futuro por diante é Delio Fernández, que ten moitas condicións e penso que cos anos vai ser dos que nos dean o relevo a Ezequiel, Veloso ou a min mesmo. Tamén ten boa pinta Marcos García, un ciclista madrileño que chegou este ano ao equipo e está cumprindo nas carreiras ás que foi. Vese que hai calidade nese ciclista.

No camiño quedaron outros como o gañador da última Volta a Galiza, Enrique Salgueiro, ou o director do Cidade de Lugo, Ramón Troncoso. Que ciclistas dos que pasaron polo Xacobeo pensas que poderían ter aportado máis si se confiara neles?
Salgueiro, Troncoso, ou Abal son exemplos de tres bos ciclistas. Salgueiro ten hoxe un nivel moi alto e no 2008 estivo adiante, rematando entre os 10 primeiros en moitas carreiras na categoría profesional. Demostrou que ten calidade, pero non callou no modelo do Xacobeo. Abal, pola súa parte, está correndo agora en Cantabria, e trátase dun ciclista con proxección, con futuro. Despois hai outros ciclistas con condicións que aínda non entraron no equipo como Gustavo Rodríguez, do Cidade de Lugo. O que está claro é que non hai sitio para todos.

O equipo profesional galego foi unha aposta decidida do anterior goberno. Pensas que o cambio na Xunta pode afectar ao futuro do equipo?
Penso que se fora algo que se fixo e non funcionou o noso futuro sería máis incerto, pero co noso traballo demostramos nestes dous anos que o Xacobeo foi unha aposta intelixente. O que o anterior goberno pretendeu foi facer sentir aos galegos que tiñan un equipo que os representaba polo mundo adiante, e nós tamén percibimos a resposta da xente. Vímolo en etapas como a do Angliru, onde puidemos ver que a xente se move para acompañar ao equipo. Normalmente fálase de que a vasca é a maior afección no mundo do ciclismo, pero nós puidemos sentir a marea galega ao noso lado. Polo que teño entendido aos que veñen (novo goberno da Xunta) tamén lles gusta o ciclismo, e se o seguimos facendo ben penso que imos poder estar moitos anos, como o Euskaltel Euskadi, traballando tamén para que melloren os máis novos.


4.43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: