Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
CAMPIÓN A FALTA DE CATRO XORNADAS

O Compostela coróase no ano da súa volta á Terceira

A superioridade futbolística do equipo que adestra Chus Baleato só se viu abafada nas últimas semanas polos impagos que os enfrontan agora coa directiva.

Pablo G. Martínez - 12:15 28/04/2009
O Compostela achégase á 2ª B

O Compostela achégase á 2ª B

A exponencial ascensión da S.D. Compostela mantense dentro dos prazos previstos polo seu presidente, Xosé María Caneda, e a falta de catro xornadas o equipo xa é matematicamente campión do grupo galego da Terceira División. Coa vitoria por un gol a cero fronte ao Rápido de Bouzas os xogadores adestrados por Chus Baleato garantiron o pase a unha eliminatoria directa contra o primeiro clasificado de outro grupo.

Con todo o traballo feito a falta de catro partidos (igual que outros cinco líderes dos 18 grupos nos que se divide a Terceira a nivel estatal) o equipo ten agora tempo para centrarse en manter o bo estado de forma e ir preparando a eliminatoria a dobre partido contra o gañador de outro grupo, que se decidirá por sorteo. No caso de gañar, o Compostela estaría xa en 2ª B; no caso contrario entraría nunha repesca na que tería que superar dúas roldas contra equipos clasificados entre o segundo e cuarto lugar de outros grupos.

Durante todo o ano o equipo de Chus Baleato baseou o seu éxito nun sólido sistema defensivo, onde resultou fundamental a solidariedade dos mediocampistas. Este férreo sistema defensivo (22 goles encaixados en 34 partidos) foi o piar enriba do que se cimentou un equipo no que o gol era cousa de dous: Vladimir e Rubén Márquez. A velocidade do primeiro e a mistura de potencia e efectividade do segundo poñían nos últimos metros o factor diferencial que trouxo até San Lázaro unha parte importante dos puntos blanquiazuis.

Os xogadores levan varios meses sen cobrar
Cando a vitoria sobre o Rápido de Bouzas corroborou a clasificación da S.D. Compostela como primeiro de grupo, en San Lázaro faltou ese estalido de euforia que adoita acompañar estas situacións. O motivo eran as tensións existentes entre os xogadores e a directiva, que lle debe actualmente tres mensualidades. A semana pasada os xogadores cansáronse de agardar e decidiron enfrontarse definitivamente con José María Caneda.

O presidente dixo que agardaba a solución para este problema nesta semana, e mantén o seu discurso cando atende a Vieiros: "espero que que isto se solucione esta semana. Aquí non paga a Deputación, non paga o Concello e eu fago o que podo, pero non vou roubar". Amósase optimista cando afirma que "débesenos a nós máis do dobre do que lles temos que pagar aos xogadores". Á outra parte resúltalle difícil atopar esperanza nestas palabras cando o peto segue baleiro.

O Compostela achéganos outro exemplo máis de como as dificultades económicas que abondan na actualidade afectan especialmente ao mundo do fútbol, habituado a vivir no medio das farturas e da opulencia.


3/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: